BNG urxe paralizar o proxecto do Parque Eólico de Pena do Corvo, en Monfero

Néstor Rego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado denegue a autorización para a construción do Parque Eólico Pena do Corvo, así como paralizar todos os proxectos eólicos en tramitación, respectando as competencias propias da Xunta de Galiza. Rego propón a elaboración dunha planificación eólica acordada entre ambas administracións con criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio para protexer o patrimonio natural e cultural do País.

“Galiza estase vendo ameazada polo boom eólico desenvolto sen unha adecuada planificación e vixilancia pública. As empresas actúan baixo unha arquitectura legal obsoleta e sen garantías para a participación social nin salvagarda o patrimonio” subliña o deputado nacionalista. O proxecto do Parque Eólico Pena do Corvo “é un exemplo máis do gran impacto que suporá para o noso medio ambiente a instalación incontrolada de parques eólicos, neste caso, afectando directamente ao Parque Natural das Fragas do Eume, un espazo natural único que debe ser preservado”.

O PE Pena do Corvo vai supoñer a espoliación dos recursos da comarca, “afectará ao seu modelo de vida, o seu patrimonio natural, artístico e histórico, ademais do económico, pois Monfero ten unha grande dependencia do sector primario, tanto o agrogandeiro como o forestal, que vai ver fortemente afectadas as súas capacidades despois da instalación do parque” recorda Rego. Este proxecto contempla a instalación de 13 aeroxeradores de 180 metros de altura- a maiores dos 25 existentes na actualidade- e serán visíbeis desde infinidade de puntos das Fragas do Eume por situarse no cume de Monfero, columna vertebral do canón das Fragas.

“O MITECO ten que denegar a autorización do proxecto do Parque Eólico de 58.5 MW, así como a súa infraestrutura de evacuación e paralizar todos os proxectos eólicos en tramitación actualmente para, en colaboración coa Xunta de Galiza, realizar unha valoración conxunta do desenvolvemento eólico” apunta o deputado do BNG. Así mesmo, Rego propón que ambas administracións, a estatal e a galega, elaboren “unha Planificación Eólica conxunta asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que protexa o patrimonio natural e cultural respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal”.

Finalmente, convén lembrar que entre as afeccións do parque eólico que se pretende instalar neste  concello de 171,7 quilómetros cadrados está –e non é menor, desde logo- a referente ao patrimonio histórico-artístico. “Entre os bens afectados figura o Mosteiro de Santa María de Monfero, un Ben de Interese Cultural (BIC) que resulta singular pola súa peculiar arquitectura e a súa vinculación á historia do Reino de Galiza” destaca o deputado do BNG no Congreso.