O BNG traslada ao Parlamento os problemas do Centro de Saúde do Val

Consultorio O Val
O deputado do BNG, Mon Fernández, demanda que se cubran as baixas dos profesionais médicos para evitar prexuízos aos veciños e veciñas das parroquias do Val, San Mateo e Castro

O consultorio do Val, no Concello de Narón, é un dos centros de saúde periféricos deste concello e atende aos veciños e veciñas das parroquias do Val, San Mateo e Castro, que suman unha poboación de 3.500 persoas.

Trátase dun centro que conta con dúas prazas de médico, mais desde o  ano 2020 é moi habitual atopar apenas 1 atendendo o servizo.

Segundo o deputado do BNG, Mon Fernández ”o motivo é que non sempre se cobren as baixas dos médicos, e cando isto acontece a solución pasa por dividir o tempo do médico presente ao 50% para atender o seu cupo e o cupo do compañeiro que falta” engadindo que “esporadicamente tamén ten acontecido non haber médico ningún no Consultorio, derivando, nestes casos, ás persoas doentes a o consultorio de Pedroso, outro centro periférico do Concello de Narón”

Este centro de Pedroso, pola situación xeográfica das parroquias de referencia, O Val, San Mateo e Castro, non é o máis próximo para todas as persoas senón que moitas delas terían máis accesíbel o novo centro de saúde do Concello.

Ao respecto da situación, o deputado nacionalista sinala que “en todo caso, a non cobertura das baixas dos médicos do Val significa atraso e demoras nas consultas, co prexuízo evidente e coñecido que implica unha atención primaria infradotada para todo o sistema de saúde pública, en canto que porta de entrada ao sistema, mais tamén para o seguimento e control das patoloxías crónicas”

É por isto que o Grupo parlamentar do BNG –por medio do deputado Mon Fernández- ven de presentar a seguinte Proposición non de lei:

“O Parlamento de Galiza insta á Xunta a cubrir coa máxima dilixencia as baixas do persoal sanitario do centro de saúde do Val, no Concello de Narón, garantindo a presencia continuada e efectiva dos dous profesionais médicos que ten asignados”