O BNG solicítalle á Xunta axudas económicas para as persoas afectadas polas inundacións do Concello de Neda
24 de novembro de 2023 (20:14 h.)
O deputado Mon Fernández solicitará no Parlamento unha actuación urxente por parte da Consellaría titular do organismo Augas da Galiza
Na noite entre luns 13 e martes 14 de novembro os ríos Basteiro e Belelle desbordáronse ao seu paso polo Concello de Neda. Na zona de Sta María de Neda ao redor de 30 casas afectadas e algún negocio foron atravesadas polo que algún veciño chegou a denominar de tsunami.
A portavoz municipal do BNG no Concello, Cristina Bouza, visitou o lugar e puido comprobar de primeira os efectos das inundacións e a situación das familias, que lle relataron que a auga entrou nas casas coa forza dun torrente despois de cruzar a estrada xeral, arrastrando todo tipo de elementos e mesmo animais, chegando a unha altura que superou o metro e medio. O nivel dos prexuízos é moi elevado até o punto de manifestar algunhas das persoas afectadas que perderon todo por completo.
Cada unha delas avanza na limpeza das súas casas e na retirada dos elementos arruinados como pode para refacer a súa vida, dando parte ao seguro quen o ten, e sen moita axuda por parte do Concello nin da Xunta de Galiza, titular dos ríos, responsábel de manter as bacías en bon estado e responsábel do deseño de todo o sistema de previsión e actuación ante o risco de inundación.
De feito a zona entre os ríos Basteiro e Belelle figura como ARPSI (área de risco potencial significativo de inundación), tanto fluvial como costeira, no vixente Plan xeral de riscos de inundación aprobado por Real decreto 27/2023 do 17 de xaneiro, clasificada no seu apéndice I do anexo II como de “Risco alto con propostas específicas de actuación”.
Con todo, a única certeza das persoas afectadas polas inundacións é que van ter numerosos problemas económicos e burocráticos que sortear para recuperar a súa vida tal e como era antes de que o torrente de auga a atravesara por completo.
É por isto que o BNG, a través do seu grupo no Parlamento galego, vai instar “á Xunta a constituír de urxencia un Fondo de axuda para as persoas afectadas polas inundacións no Concello de Neda coas seguintes características:
O Fondo sufragará a compra de mobiliario, electrodomésticos e roupa necesarios para restituír os perdidos polas inundacións, así como as obras de reparación necesarias nas vivendas e fincas.
O Fondo adiantará os importes dos custes de reposición e reparación coa presentación dun orzamento, coa obriga posterior de xustificar o gasto coa presentación da correspondente factura.
O Fondo poderá recuperar todo ou parte do diñeiro adiantado cando os seguros das persoas afectadas fagan efectivo o pago das indemnizacións polos mesmos conceptos que previamente adiantou o fondo. O diñeiro reclamado ás persoas afectadas nunca poderá superar o cobrado por parte dos seguros.
A xestión do Fondo corresponderá a persoal da Consellería de Infraestruturas e mobilidade na que está adscrito o organismo Augas de Galiza, que visitará de urxencia o lugar dos feitos para reunirse coas persoas afectadas e concretar con elas os pormenores do funcionamento deste Fondo”