O BNG solicita á Xunta que abra expediente a DOMUS VI pola situación na residencia de Laraxe

domusvi laraxe
Ao mesmo tempo manifesta o seu apoio e solidariedade coa representación do persoal que está a ser obxecto de represalias por parte da dirección da empresa
 

O BNG vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego na que solicita da Xunta de Galiza que abra expediente a coñecida empresa do sector das residencias de persoas maiores e dependentes DOMUS VI, titular da residencia de Laraxe, no Concello de Cabanas, e na que ultimamente desatouse con gran virulencia un gromo de COVID que segundo datos da propia residencia afecta a 77 persoas.

O BNG traslada ao Parlamento as recentes denuncias públicas das representantes do persoal que a través dun comunicado manifestan unha serie de incumprimentos de extremada gravidade que serían a causa do elevadísimo número de persoas afectadas:

1.    Non reforzar os cadros de persoal.
2.    Obrigar ao persoal a facer tarefas para as que no están formadas.
3.    Prolongar e modificar xornadas de xeito abusivo provocando sobrecarga de traballo.
4.    Falta de protocolos axeitados, e a escaseza de EPIS, polo desleixo das direccións dos centros, etc.

Desde o BNG queremos incidir na necesidade de respeitar escrupulosamente os direitos laborais das profesionais como mellor xeito de protexer a calidade do servizo que prestan, e polo tanto o direito das persoas usuarias a un entorno seguro para a súa saúde.

Por outra banda, na mesma iniciativa, o BNG solicita do Parlamento unha manifestación de apoio á representación do persoal que ven de facer esta denuncia pública, xa que está a ser obxecto de represalias por parte da dirección da empresa.

Desde o BNG adiantamos xa esa mostra de apoio ao persoal, que ven prestando o seu servizo en primeira liña de COVID, e particularmente a esas delegadas da CIG que ademais de realizar o servizo igual que as compañeiras, exercen a súa representación con dignidade e firmeza, sen desmaiar pola dureza da situación nin pola presión patronal.