Batería de iniciativas do BNG sobre a problemática da ría de Ferrol

Mon Fernández

O BNG rexeita que a Xunta bote a culpa a causas alleas, en troques de asumir as súas competencias, e demanda do goberno galego liderar un plan para a rexeneración da ría e recuperación da produción marisqueira.

O deputado do BNG no Parlamento Galego, Mon Fernández, rexistrou no día de hoxe unha batería de iniciativas relativas ás medidas a tomar por parte da Xunta para a recuperación da produción marisqueira da ría de Ferrol; logo de que a finais do mes de marzo os servizos técnicos da Consellaría do Mar comunicaran ás confrarías da ría de Ferrol que a apertura do banco das Pías prevista para o mes de abril non podería realizarse.

Segundo o comunicado emitido polas confrarías afectadas, os mesmos servizos técnicos da Consellaría informan que das 4 toneladas de ameixa babosa que contaban poder extraer apenas quedaba 1, e atribúen as causas da desaparición da ameixa á acción de depredadores mariños, nomeadamente á estrela de mar.

Segundo o deputado do BNG “ a situación da produción de ameixa babosa na ría de Ferrol ven sendo obxecto de seguimento, preocupación e denuncia constante por parte da nosa organización, que ven demandando de forma insistente un cambio radical na actitude da Xunta de Galiza, instándoa a liderar con determinación un plan para a rexeneración da ría e a recuperación da produción marisqueira, a comezar pola realización dun estudo integral que poida determinar as causas que provocan a situación actual, e orientar debidamente as accións a tomar”

Mon Fernández recalca que “se aínda hai pouco tempo coñeciamos que os datos definitivos de produción de ameixa babosa do ano 2021 estaban no 6% do que representaban no ano 2000 (25T contra 427T en números redondos), agora vimos de descubrir que as grandes expectativas da Consellaría do Mar para este ano 2022, e agora malogradas, eran apenas de 4T, unha cifra imposíbel de cualificar”

Sobre as causas esgrimidas pola Xunta sobre a desaparición da ameixa, o deputado nacionalista afirma rotundamente que “botarlle a culpa á estrela de mar da desaparición de 3T de ameixa non convence a ninguén, nin ao sector, nin a expertos consultados polo BNG, escépticos ante as explicacións dunha Consellaría que seguen sempre un mesmo patrón de procurar causas ou culpábeis alleos á súa política e a poder ser con aparencia de seren  impredecíbeis, e insuperábeis. O infortunio, vaia.En todo caso, estes feitos veñen deixar en evidencia que as actuacións da Consellaría non só non obteñen resultados, senón que lamentabelmente as súas propias expectativas eran absolutamente pírricas”

Na parte dispositiva das iniciativas presentadas – que inclúen proposición non de lei e pregunta para pleno- polo BNG, inclúense as seguintes demandas:

O Parlamento de Galiza insta á Xunta a:

1.     Impulsar e liderar as reunións coas confrarías da ría e coas outras administracións con competencias na ría de Ferrol

2.      Impulsar e asumir o custe da elaboración do informe ou estudos precisos para determinar as causas da caída da produción marisqueira na ría de Ferrol, tendo especial preocupación polo coñecimento da situación dos fondos mariños para os efectos produtivos, das correntes, ou dos efectos de decisións tomadas pola propia Consellaría como a introdución de especies foráneas, a baixa da talla comercial, ou a sobre explotación dos bancos

3.      Encargar á estación de bioloxía mariña da Graña, pertencente á USC, a realización destes ou calquer outro informe sobre a situación da ría de Ferrol”