O BNG reúnese con representantes do Comité de empresa de MEGASA
“A Xunta de Galiza nin está nin se lle espera”
A portavoz municipal do BNG no Concello de Narón Olaia Ledo, e o deputado no Parlamento Galego Mon Fernández, mantiveron hoxe pola mañá unha reunión con representantes do Comité de empresa de Megasa para interesarse pola situación da empresa que a semana pasada comunicou cambios produtivos por causa dos custes enerxéticos.
A XUNTA BOTA BALÓNS FORA
Ambos portavoces salientaron a falta de actuacións por parte da Xunta de Galiza (que ten competencias en materia industrial) para protexer a industria galega electrointensiva, limitándose a un exercicio das súas responsabilidades de goberno totalmente estéril, partidista e propagandístico.
O Comité nos informou de que a empresa reduce horas de produción por causa dos elevados prezos aínda que sen tomar medidas de carácter laboral, e agardan unha baixada de prezos para primavera ou verán do ano que ven.
AS PROPOSTAS DO BNG PARA AS ELECTROINTENSIVAS
Desde o BNG trasladaron á representación do persoal as propostas presentadas en materia enerxética tanto no Congreso dos deputados como no Parlamento galego respeito do Estatuto electrointensivo, entre elas: sacar as centrais hidroeléctricas e as nucleares (que non pagan CO2) do MIX enerxético para a fixación de prezos; retirar os cargos fixos do recibo eléctrico e levalos aos orzamentos xerais; aumentar até o máximo permitido pola UE as subvencións do mecanismo de compensación de custos, etc
UNHA EMPRESA PÚBLICA DE ENERXÍA
Por outra banda, as actuais circunstancias de abuso flagrante por parte das grandes compañías eléctricas da súa posición dominante no mercado dun servizo esencial, fai que para o BNG teña a máxima importancia a constitución dunha empresa pública galega de enerxía, que podería crearse a partir da recuperación das concesións hidroeléctricas que vaian caducando, para concentrar todos os activos enerxéticos públicos. Para o BNG unha empresa pública sería un xeito efectivo de promover unha competencia real no mercado eléctrico, e de introducir criterios de funcionamento democráticos así como de impulso económico e industrial.