O BNG reúnese con representantes do Comité de empresa de MEGASA e levará ao Parlamento Galego e ao Congreso medidas para abaratar os custes eléctricos

BNG. Reunión Megasa

Geno Carballeira, concelleiro do BNG en Narón, Marta Grandal, responsábel local do BNG de Narón, o deputado no Parlamento Galego Mon Fernández, e o deputado no Congreso Nestor Rego mantiveron unha reunión con representantes do Comité de Megasa.

Durante a reunión os representantes do Comité explicaron cal é a situación da fábrica a día de hoxe e as medidas acordadas coa dirección da empresa dirixidas a paralizar a actividade de fundición até fin de mes por causa do prezo da electricidade.

Os deputados do BNG explicaron as diferentes propostas do BNG para corrixir o prezo da electricidade que, segundo Néstor Rego "urxen a necesidade de tomar medidas inmediatas como a desvincular os prezos internacionais do gas do prezo da electricidade, mais tamén na necesidade de actuar no sector con máis profundidade,  modificando o sistema de fixación de prezos coñecido como pool que traslada o prezo da tecnoloxía máis cara a toda a electricidade contratada, auténtica e última causa da actual suba desorbitada de prezos".

No mesmo sentido coincidiron en que contar con unha empresa pública de enerxía sería tamén unha boa ferramenta para actuar sobre o mercado e a fixación de prezos, tal como está a facer por exemplo o estado francés a través da empresa pública EDF.

Mon Fernández insistíu na necesidade de  "creación dunha empresa pública galega é unha das principais reivindicacións do BNG, que propón a súa creación a partir da recuperación das concesións hidroeléctricas que vaian vencendo, lembrando que o recurso enerxético en cuestión, é dicir, a auga do río, é un ben de dominio público, que os custos de produción desta enerxía son dos máis baratos, e que actualmente a potencia hidroeléctrica instalada nos ríos galegos é maior do que sumaban as térmicas das Pontes e Meirama xuntas, e que polo tanto, contar con unha fonte de xeración eléctrica tan barata e abundante en mans dunha empresa pública titularidade da Xunta de Galiza sería unha medida que podería axudar a ofrecer prezos eléctricos competitivos tanto a grandes consumidores eléctricos de carácter industrial, ou a consumidores vulnerábeis"