O BNG reúnese nas Pontes co Comité de empresa de EINSA

Concentración traballadores EINSA
O deputado Mon Fernández levará o ERE de EINSA ao Parlamento Galego

A portavoz municipal do BNG nas Pontes, Carmela Franco, o concelleiro Quico da Silva, o responsábel de organización, Iván Alén e o deputado no Parlamento galego, Mon Fernández, reuníronse na tarde do xoves 9 co Comité de empresa de EINSA, que está en pleno proceso de negociación dun despedimento colectivo que afectaría a máis de 150 persoas.

Un proceso no que vai ser determinante a posición que adopten os gobernos, dadas as particulares circunstancias que concorren na localidade das Pontes, xa que máis aló das competencias da Xunta de Galiza como autoridade laboral ao cargo deste ERE, os procesos de reactivación económica e de transición xusta iniciados deberían poder ofrecer alternativas ao despedimento do persoal de EINSA, evitando un agravamento da crise industrial e social dunha localidade que aínda non sabe como vai ser o seu futuro despois do peche da térmica de ENDESA.

Neste sentido compre salientar que EINSA coñece ben estes procesos xa que foi, nos anos 90, a primeira empresa en instalarse nas Pontes ao calor do Plan de desenvolvemento económico-industrial impulsado para compensar o impacto sobre o emprego que o peche da mina, previsto para uns anos máis tarde, podería ter no Concello das Pontes, e polo tanto cabería exixirlle un compromiso para procurar solucións non traumáticas para o persoal, tal como establece a normativa de aplicación aos expedientes reguladores de emprego.

Nesta liña o Comité de empresa obtivo un compromiso total por parte do BNG para procurar solucións de común acordo coa representación do persoal e impulsar nas institucións diferentes iniciativas políticas.