O BNG reúnese coa veciñanza do Val que demanda a restauración da Capela de Sta. Margarida

Xuntanza Capela Santa Margarida
Responden con máis de 700 sinaturas ao desplante do Conselleiro de Cultura

Representantes da comisión de festas de Sta. Margarida, na parroquia do Val, en Narón, recolleron máis de 700 sinaturas coas que demandan a restauración da capela de Sta. Margarida, e que entregaron ao deputado do BNG no Parlamento Galego, Mon Fernández, que estivo acompañado pola concelleira Bea Mosquera e polo representante do Consello local do BNG de Narón Manu Teijeiro.

A restauración da ermida e a posta en valor de todo o conxunto patrimonial que forman a capela, a fonte e máis o cruceiro, xa foi obxecto dunha iniciativa parlamentaria do BNG durante a lexislatura que ven de rematar. A iniciativa chegou ao Pleno do Parlamento Galego en forma de pregunta oral e foi rotundamente desprezada polo Conselleiro de Cultura manifestando que era unha cuestión “que só preocupa ao BNG e polo tanto debe ser o BNG quen se faga cargo da restauración”.

A resposta do Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, superou todos os límites da desvergoña e non deixou indiferente a ninguén, xa que o propio Conselleiro recoñecía na súa resposta ser o presidente da Comisión mixta Xunta-Igrexa constituída especificamente para asuntos relacionados coa posta en valor do patrimonio cultural titularidade da Igrexa católica, o que non lle impediu abundar no desprezo á demanda presentada polo BNG reiterando en varias ocasións que ninguén se interesara por este asunto e que debía ser o BNG quen se encargara del.

A Comisión de festas de Sta. Margarida decidiu lanzar unha campaña de recollida de sinaturas demandando a restauración da Capela e a posta en valor de todo o conxunto, que é unha das xoias do patrimonio histórico do Concello de Narón e da comarca de Ferrol. As sinaturas foron entregadas en primeiro termo ao deputado do BNG, Mon Fernández, autor da iniciativa rexeitada polo Conselleiro, que se comprometeu a seguir insistindo, promovendo novas iniciativas parlamentarias ao respeito,

Do mesmo xeito os representantes do BNG de Narón, a concelleira Bea Mosquera e o representante do Consello local Manu Teijeiro, veciño da parroquia do Val, tamén se comprometeron a defender a necesidade dunha actuación urxente na Capela a través de iniciativas para que o Concello de Narón inste ás administracións competentes a actuar canto antes, xa que a restauración da capela, ademais de ser unha urxencia para veciños e veciñas, sería a ocasión para retirar elementos alleos como un cadro eléctrico ou a uralita do tellado, e combinada coa posta en valor de todo o conxunto sería unha gran oportunidade para recuperar as tradicións, a feira, e dar a coñecer tanto á poboación da comarca como ás persoas que nos visitan, dun xeito moi directo e moi gráfico, como se produce unha evolución cultural a través das súas diferentes manifestacións, pagáns e cristiáns, mais en todo caso sempre populares e integradas no día a día.