Os responsábeis do pósito trasladan os malos resultados económicos e solicitan axudas

O BNG reúnese coa confraría de Mugardos

reunión coa confraría de mugardos

O pasado mes de febreiro unha delegación do BNG reuniuse cos representantes da Confraría de pescadores San Telmo de Mugardos.

O portavoz municipal do BNG, Evaristo Deus, e o concelleiro Xavier Cartelle, estiveron acompañados pola responsábel comarcal da formación Pilar Lozano, o deputado no Parlamento galego, Mon Fernández, o mais por Joam Luis Ferreiro, integrante da comisión de pesca e mar do BNG, persoa moi coñecida no entorno da ría de Ferrol por ter sido biólogo da confraría de Barallobre durante moitos anos.

Por parte da Confraría estiveron presentes, ademais do seu Patrón maior, a secretaria e outros representantes do cabildo.

Segundo os responsábeis da confraría a facturación por capturas no exercicio 2024 foi de 500.000€ mentres que no 2025 foi de apenas 300.000€.

A causa desta caída veu producida pola redución xeral das capturas e polo paro biolóxico “concedido” pola Xunta durante 4 meses, derivado precisamente da dramática situación produtiva na ría de Ferrol, mais os resultados do paro que significaron 4 meses sen ingresos para a Confraría de pescadores.

No entanto os gastos permaneceron iguais, taxas do ente público Portos de Galiza (da Xunta), persoal, e outros gastos correntes como auga, luz, ou vehículos, entre outros.

As expectativas para este ano non son mellores. A previsión de facturación por capturas non é boa debido á situación da ría e ao ciclo continuado de temporais desde principios do ano que tiraron os resultados abaixo durante varios meses.

Os avances económicos e contábeis da confraría inducen á preocupación. Pode estar en risco a supervivencia da propia confraría, lembremos, organismo absolutamente necesario para acceder e organizar o traballo no mar, e máis para representar aos traballadores e traballadoras do sector.

O portavoz municipal do BNG de Mugardos salientaba que a confraría de San Telmo ten máis de 100 anos de vida, e que xunto ás máis de 70 persoas asociadas representan un organismo e un sector esencial para a vida e a dinamización económica do Concello polo que promoverá unha implicación activa por parte do propio Concello para resolver a situación.

 

Pola súa conta o deputado Mon Fernández ven de presentar unha batería de

iniciativas no Parlamento galego instando á Xunta, como titular das competencias, a reunirse coa representación da Confraría e poñer en marcha un plan de viabilidade tanto para a entidade como para o sector.