EINSA PECHA NAS PONTES SEN ALTERNATIVAS INDUSTRIAIS Á VISTA

O BNG REÚNESE CO COMITÉ DE EMPRESA DE EINSA NAS PONTES

encontro co comité de EINSA

Unha representación do BNG reuniuse a primeira hora co comité de empresa de EINSA, a empresa que no seu día inaugurou o polígono industrial de Penapurreira ao calor do plan de industrialización impulsado daquela para paliar os efectos do peche da mina de ENDESA.

Os deputados no Parlamento Galego, Xosé Manuel Golpe e Mon Fernández, xunto co concelleiro nas Pontes, Quico Dasilva, e a responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, quixeron reunirse co comité de empresa antes do inicio hoxe da fase de negociación do ERE anunciado pola empresa para despedir a 107 traballadores e traballadoras, practicamente o 100% do cadro de persoal que aínda mantén a empresa despois de ter realizado hai 15 meses o despedimento colectivo de outras 120 persoas.

Na reunión mantida houbo coincidencia na consideración de que todo o proceso de transición na Vila das Pontes está a ser unha fraude, xa que desde que ENDESA anunciou o seu peche, hai 5 anos, As Pontes non deixa de perder emprego sen que as promesas do goberno central cheguen nen sequera a principiarse.

O caso de EINSA, de feito, deixa en evidencia a tremenda diferencia das políticas industriais impulsadas con antelación ao peche da mina de ENDESA, a través Plan de desenvolvemento económico-industrial dos anos 90, un plan no que participaron con fondos a propia ENDESA e a Xunta de Galiza, e coas centrais sindicais das Pontes participando na toma de decisións.

Froito daquel plan chegaron ás Pontes empresas e infraestruturas, entre estas a propia EINSA, mentres que hoxe, 5 anos despois de anunciarse o peche da térmica, non hai plan ningún en marcha. Este é o contexto no que se vai negociar o ERE de EINSA, perda de afiliacións á Seguridade Social e perda de poboación nas Pontes, un escenario claro de crise e industrial e de abandono político por parte dos gobernos.

O BNG manifestoulle ao comité o seu compromiso na defensa dos empregos e da actividade de EINSA nas Pontes, así como na demanda constante dun plan de reindustrialización impulsado e participado polos gobernos, estatal e galego, no que a planificación veña acompañada de consignacións orzamentarias, e de procesos públicos e transparentes, con criterios de selección enfocados para beneficiar á poboación do territorio, e sobre todo, con garantías. O futuro das Pontes non pode quedar aos designios e decisións que ENDESA tome unilateralmente e para o seu beneficio propio.

Neste sentido desde o BNG xa rexistraron diferentes iniciativas parlamentarias que levarán a debate de inmediato.