O BNG rendeu homenaxe a Xesús Gómez "Miño", cunha ampla representación do BNG e da Comunidade de Uruguai na comarca

Intervintes e familiares

Cun salón de actos do Antigo Hospicio de Ferrol completamente ateigado de xente –militancia nacionalista e ampla representación da comunidade de Uruguai na comarca- celebrouse ao mediodía de hoxe a homenaxe a Xesús Gómez “Miño”, organizada polo BNG. Un acto que, segundo a resposábel comarcal, Mercedes Tobío “era unha débeda do conxunto da organización a unha persoa exemplar que tivemos que adiar canda o seu pasamento por mor das restricións de pandemia; pero que sempre estivo na axenda da nosa organización, á que “Miño” adicou traballo na Galiza e no alén mar”

Ao amplo activismo de “Miño” referíuse Pedro Fernández –membro do CL do BNG de Ferrol e persoa que partillou militancia- ao afirmar que “o seu activismo, unido á ilusión que puña en todo o que facía era unha das súas constantes; como queda de manifestó no traballo sindical e político, a autoorganización das peroaso migrantes –como por exemplo na creación de ASMIREFE- ou no ámbito cultural; sempre coa referencia da audición radiofónica do Sempre en Galizae das conversas cos vellos galeguistas, coma seu admirado veciño, Antón Crestar”

Precisamente, no aspecto da laboura de ponte entre Galiza e Uruguai, Xosé Faraldo (amigo de Miño e xornalista no Uruguai) insistíu no traballo de “Miño” para “conseguir que a esquerda gobernase por primeira vez en Uruguai, que deixaron quince anos de políticas progresistas inesquencíbeis”.Unha política que calificou de “ida e volta, para facer que Montevideo fose como un facho de cultura galega no exterior; coa emisora máis antiga na que se fai un programa en galego nun país que fala castelán”. Fixo mención, ademáis, á conciencia de “Miño” de que “temos que aproveitar a vantaxe comparativa que supón esa Galiza espallada, aproveitando o potencial da emigración a prol do desenvolvimento do País”

O Secretario Comarcal da CIG, Manel Grandal, aprofundou na capacidade de Xesús Gómez “Miño” “que tiña discurso e sabía chegar á xente, porque estaba pendente de todos os acontecimentos que vivía a sociedade de Ferrolterra e, especialmente do mundo do traballo”; lembrando que “fixo realidade esa labor de solidariedade coas clases mais desprotexidas; especialmente naquelas do mundo da emigración, especialmente da comunidade de Uruguai que ficaron na nosa comarca”

A deputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, relatou todas as iniciativas promovidas por “Miño” na organización da emigración galega “axundando a planificar as axendas de traballo da organización en Montevideo, mais tamén de representantes institucionais que visitaban Uruguai; sempre pensando na Galiza de progreso que arelaba”. Lembrou especialmente o último encontro que tivo con él en Uruguai–cando xa estaba doente- que lle espetou “eu teño que voltar a Galiza, pero xa podo volver tranquilo, porque estou vendo a que vai ser a presidenta”, referíndose a Ana Pontón, que acompañaba á eurodeputada. No remate do acto, Ana Miranda entregou un agasallo –coa efixie de Castelao- a Manuel Faraldo, para que a levase “ás rúas de Montevideo, xunto á estatua de Rosalía de Castro, onde tantos anos fixemos”