O BNG reclamou un plan para recuperar a praia da Concha en Espasante protexendo todo aquilo que teña valor ecolóxico
O deputado Mon Fernández denuncia a inacción da Xunta do PP diante das peticións de solucións por parte da veciñanza ante a acumulación de area
O deputado Mon Fernández reclamou no Parlamento a posta en marcha dun plan de actuación para rexenerar a praia da Concha, en Espasante, Ortigueira, recuperando o que se poida sen afectar aquilo que a día de hoxe teña valor ecolóxico e mereza ser protexido. O deputado denuncia a inacción da Xunta do PP diante das peticións de solucións por parte da veciñanza ante a area acumulada, tanto na zona do paseo como entre o peirao e o espigón.
Na iniciativa do BNG lémbrase que as obras do peirao e do espigón realizadas entre os ano 80 e 90 do século pasado mudaron “de xeito radical” a morfoloxía do paseo marítimo e da praia, interrompendo o fluxo natural dos sedimentos, esencial para estabilidade do areal.
O deputado nacionalista afirmou que a rexeneración da praia de Concha “debería ser unha prioridade para Goberno galego”, despois de que a construción do porto e do dique non tivesen en consideración as posibles afeccións negativas no litoral, e de máis de trinta anos dunha actitude totalmente contemplativa e imprudente que está a poñer en risco a morfoloxía da praia e un dos principais activos de Espasante, tanto ecolóxico como económico.
O deputado argumentou esta acusación explicando que o BNG pediu a Portos de Galiza a documentación destas construcións para comprobar se aquel proxecto tivo en conta as posibles afectacións da praia e de certificar. Remitiuse a un documento do mes de xullo de 1987 da Consellaría de Ordenación do Territorio e Obras Públicas no que se aproba o proxecto de construción do dique e no que se fai constar especificamente que “non inclúe estudo sobre a incidencia na dinámica do litoral”. Aínda así, “o proxecto apróbase”, puntualizou.
Ademais, o deputado criticou que entre a documentación facilitada pola Xunta non estaba un documento da Subdirección Xeral de Costas, do Ministerio de Obras públicas, que informaba favorablemente do proxecto e que dicía que se debe realizar un plan de seguimento da evolución da praia desde o mesmo momento da construción do dique e durante o tempo suficiente para garantir a seguridade da praia.
As obras, en definitiva, provocaron unha modificación das dinámicas naturais da praia, especialmente das correntes mariñas e do xeito no que se acumula a area na praia, producíndose desde entón unha distribución anómala da area, case desaparecendo da zona máis afastada do dique e acumulándose na máis próxima, dando lugar á aparición dunha duna que antes non existía.
Ante a aparición da duna, a Asociación de veciños e veciñas de Espasante reclamoulle á Xunta información sobre o que se pode e non facer nesa nova acumulación de area e se goza dalgún tipo de protección ambiental. Pero a petición principal da veciñanza é a da rexeneración da praia, unha demanda, recordou Fernández, “que xa ten anos”.
Posteriormente e diante do silencio administrativo, a veciñanza convocou unha protesta na propia contorna da praia e do paseo marítimo o pasado mes de agosto, “que foi amplamente secundada”, recordou.
Na iniciativa do BNG saliéntase que as obras do porto e espigón dos anos 80 e 90 mencionadas anteriormente provocan desde entón o depósito de area no espazo entre o peirao e o espigón do Porto de Espasante, facendo necesaria a súa dragaxe periodicamente para garantir que as embarcacións dispoñan de calado, dragaxe que, segundo denuncia a formación nacionalista, está anunciada pero que a día de hoxe non se coñece que a tramitación teña avanzado.
A nivel da contorna e do ecosistema, a transformación “é moi evidente e parece obvio que as cousas non se fixeron como debían facerse”, manifestou Fernández para exemplificar cun traballo de fin de grao dunha estudante da Escola de Enxeñería do ano 2016 outras alternativas coma a da construción dun novo dique perpendicular á praia e o incremento de area para adiantar a liña da praia uns vinte metros, co obxectivo de que o areal recupere toda a súa funcionalidade.
“Está claro que a día de hoxe debería facerse un novo estudo de situación e unha proposta adaptada ás circunstancias, que non deixan de variar polo efecto das correntes mariñas”. Expuxo.
O BNG non aceptou a emenda do PP na que pedía o Goberno do Estado asuma as súas competencias para acometer o Plan de actuación, ao que o deputado contestou que “o lóxico é que o Goberno galego se poña á fronte da rexeneración da praia e que pida a colaboración das administracións que sexan precisas”, afirmou, subliñando a “desconfianza que provocan na veciñanza de Espasante as mensaxe que o PP lles lanza sobre o “lío-lío” de a quen lle toca facer que”, rematou.
O PP votou en contra.