O BNG reclama á Xunta que obrigue a Endesa a retirar as lamas do encoro do río Eume e a darlles o tratamento que corresponda

Mon Fernández

Mon Fernández exixe ao Goberno galego que controle o cumprimento por parte da eléctrica da súa obriga de manter estable un caudal ecolóxico

Censura o incumprimento reiterado do Executivo do PP na protección do Parque das Fragas do Eume e urxe o seu PRUX, agardado dende hai 24 anos

O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que realice as necesarias comprobacións sobre o estado da auga no río Eume, a controlar o cumprimento por parte de Endesa da súa obriga de manter estable un caudal ecolóxico, e a dar solución definitiva a un “problema de seguridade ambiental permanente”, “obrigando a Endesa a retirar as lamas do encoro e darlles o tratamento que corresponda”.

Así o exixiu na comisión parlamentaria de Medio Ambiente o deputado nacionalista Mon Fernández, quen volveu levar á Cámara a situación do río Eume e do Parque Natural das Fragas diante da prexudicial actividade da eléctrica. Neste sentido, aludiu ás verteduras rexistradas novamente estas últimas semanas, cando o río amosou durante uns días unha cor leitosa produto, segundo explicou, de novas verteduras de lamas desde o encoro que xestiona Endesa. “Xusto despois de que a bacía do río entre o encoro e a central estivera completamente seca, o que quere dicir que a empresa incumpría novamente a obriga de liberar o caudal mínimo, o denominado caudal ecolóxico”, reprobou.

Fernández afirmou que “Endesa segue a facer e desfacer no río segundo os seus intereses” e a súa negativa a retirar os lodos do encoro “e a tolerancia da Xunta” supoñen unha condena a unha situación de “inseguridade ambiental permanente” que tamén implica “riscos para a saúde das persoas” dado que as lamas teñen orixe nas actividades mineiras da eléctrica e son potencialmente perigosas.

Nunha pregunta parlamentaria, o deputado nacionalista por Ferrolterra tamén pediu explicacións ao Goberno galego polas sancións impostas á empresa polas verteduras rexistradas o ano pasado por estas datas: “a canto ascendeu o custo para a administración daquel episodio e se foron efectivamente máis de millón e medio porque se lle está reclamando a Endesa 900.000 euros”, cuestionou.

En relación ao Parque das Fragas do Eume, denunciou e censurou “o incumprimento reiterado, incumprimento case alevoso e criminal, por parte da Xunta das obrigas máis elementais de protección e conservación das Fragas” e recordou que xa van 24 anos, dende a constitución do parque, “agardando pola elaboración e aprobación do seu Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX)”, aos que sumou os “13 anos de parálise no proceso para ampliar a Rede Natura”. “Dous aspectos que deixan en evidencia unhas credencias desastrosas para enfrontar o denominado New Green Deal, o novo paradigma dunha economía verde”, reprobou.          

Ante “a falta de propostas do Goberno Feixóo” para destinar fondos europeos a rexenerar e poñer en valor espazos naturais como as Fragas do Eume, Fernández criticou a aposta do Executivo do PP por “inzar o país de parques eólicos”, incluídas as comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal o que, segundo concluíu, demostra que “a planificación económica neste país está en mans das grandes corporacións, como Endesa e Iberdrola”.