O BNG reclama a intervención da Xunta para deter o ERE unilateral de Galicia Textil e buscar unha saída negociada

foto Ramón 'Mon' Fernández

Mon Fernández pide ao Goberno galego que vele polo mantemento do emprego e apoie a impugnación do expediente regulador da empresa de Neda


Santiago de Compostela, 3 de marzo 2021.- O BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar á Xunta a intervir na crise da empresa Galicia Textil, situada en Neda, co fin de deter o ERE que a compañía pretende levar a cabo unilateralmente e que será impugnado polos representantes das e dos traballadores.

“Precisamos que a Xunta exerza as súas competencias”, reclamou o portavoz nacionalista de Industria, Ramón ‘Mon’ Fernández, para a continuación recalcar que o Executivo galego ten competencias en materia laboral e pode controlar a legalidade da decisión empresarial. “É a autoridade laboral neste caso e pode personarse no proceso de impugnación do ERE instado polos representantes legais do persoal; é o mínimo que debería facer: colocarse do lado das e dos traballadores para acadar a nulidade do proceso e obrigar á empresa a retomar as negociacións”, defendeu.

Logo de lembrar que a do cadro de persoal foi a única parte da negociación que puxo alternativas sobre a mesa -incluso coa amortización de empregos mediante prexubilacións- e que a posición inmobilista da empresa impediu unha saída negociada, Fernández instou ao Executivo de Feixóo a promover a colaboración coa Inspección de Traballo dependente do Estado para garantir nunha acción coordinada a paralización do Expediente de Regulación.

De igual xeito, considerou preciso a súa participación nun novo foro de negociación coas partes para “axudar no proceso anunciado pola empresa para o desenvolvemento dunha nova liña de negocio de maior valor engadido, a cambio de consolidar na comarca de Ferrol un emprego industrial que tanta falta nos fai”.

“Teñen vostedes unha responsabilidade e unha débeda co persoal das empresas”, subliñou, para a continuación reprochar “que na medida en que abarataron e facilitaron vostedes os despedimentos, teñen a obriga de seren dobremente dilixentes e proactivos, especialmente eficientes en aqueles ámbitos nos que teñen competencias, no laboral e na promoción empresarial”. “Senón o desastre é inevitable e será exclusiva e totalmente responsabilidade do PP”, advertiu.

Neste sentido, o deputado nacionalista por Ferrolterra lembrou que a empresa está en pleno proceso de transformación do seu negocio cara tecidos técnicos de maior valor engadido e está a empregar unha concesión hidráulica que lle permite abaratar custes e mellorar a súa posición no mercado. Para Fernández, esta concesión “ten que estar enriba da mesa” porque, segundo recalcou, “non pode ser que unha empresa que goza dunha concesión pública se permita non atender os requirimentos que lle faga o Goberno sobre protección do emprego e máis aínda nunha comarca en crise”.

Tras recriminar a inacción dos populares nos distintos casos da crise industrial que está a padecer Ferrolterra, rexeitou de plano o seu repetido argumento de que non se pode intervir nas decisións que toman as empresas: “claro que pode, e por suposto que debe, igual que fan todos os países do mundo”, respondeu. Así, advertiu que nin Galiza nin a comarca de Ferrol poden “permitirse o luxo de ter un PP gobernando na Xunta que co seu dogma da mínima intervención económica colócanos en franca desvantaxe fronte ao resto do mundo”.

“Que credibilidade pode ter o PP para reclamar solucións para a comarca de Ferrol, se ao mesmo tempo tolera sen inmutarse a destrución de postos de traballo?”, concluíu na defensa desta iniciativa para buscar unha solución negociada á situación de Galicia Textil que non prosperou polo veto do grupo parlamentario popular.