O BNG promove unha modificación normativa para que REGANOSA continúe pagando no Concello de Mugardos como viña facendo até o de agora

BNG Reganosa
O deputado do BNG no Parlamento galego, Mon Fernández, salienta que a Xunta  aínda non respondeu á pregunta de por que o presidente Rueda votou a favor de que REGANOSA demandara ao Concello de Mugardos

O BNG compareceu -na representación do portavoz municipal, Gemi Varela e o deputado Mon Fernández- compareceu hoxe en rolda de prensa en Mugardos para dar conta da presentadión dunha batería de iniciativas promovendo unha modificación do Imposto de Actividades Económicas para que a empresa REGANOSA pague no Concello de Mugardos as mesmas cantidades que viña facendo até que agora.

Esta batería consiste nunha Proposición non de lei no Parlamento Galego e unha emenda aos orzamentos xerais do estado promovendo unha modificación do IAE para que figure especificamente a actividade de regasificación.

Segundo afirmou o deputado do BNG " queremos denunciar a actitude da Xunta e do Partido Popular, claramente posicionado desde o inicio cos intereses de REGANOSA e contra o Concello de Mugardos, e lembrar que malia ter pedido explicacións en sede parlamentaria aínda ninguén da Xunta deu explicacións de por que o presidente Rueda e outros representantes da Xunta no Consello de administración de REGANOSA votaron, neste organismo, a favor de que a empresa demandara ao Concello de Mugardos".

Mon Fernández foi contundente ao cualificar "de obscenidade que a representación que a Xunta ten nun organismo empresarial en función da súa participación no capital, poda tomar estas decisións claramente contrarias aos intereses xerais que debera defender". En todo caso, engadíu "se a resolución do tribunal que da a razón a REGANOSA é axustada a dereito, parece evidente que se debe a existencia dun baleiro legal que haberá que corrixir, para trasladar a realidade das actividades económicas e dos seu impacto no territorio aos textos legais de aplicación, neste caso ao IAE"

Tanto o deputado do BNG coma o portavoz municipal,Gemi Varela, fixeron fincapé no feito de que "ningún partido político debería asumir como feitos consumados a situación que vai camiño de consolidarse se ninguén fai nada ao respeito, e que significa que REGANOSA reduce a súa contribución ao Concello de Mugardos desde os 467.000 euros/ano a 34.183€, igualando para os efectos tributarios ao Concello de Mugardos con outros concellos por onde pasa o gasoduto, como Fene ou Miño, e obviando, como se isto fose posíbel, que é nas instalacións do Concello de Mugardos onde se realizan, en exclusiva, as operacións de carga e descarga dos buques que transportan o gas natural licuado, as operacións de regasificación propiamente ditas, e as de  almacenaxe, é dicir, aquelas que verdadeiramente caracterizan a actividade da  empresa e que ademais condicionan a vida diaria dos veciños e veciñas de Mugardos e da súa contorna"