O BNG presentou no Parlamento Galego unha iniciativa instando á Xunta a realizar as reformas necesarias do IES Concepción Arenal

Mon Fernández IES Concepción Arenal

O deputado Mon Fernández levará as necesidades do centro educativo ao Parlamento Galego

O IES Concepción Arenal é o centro educativo con máis historia da cidade de Ferrol, de feito en poucos anos vai conmemorar os 100 anos da súa existencia, aínda que é desde mediados dos anos 50 do século pasado que ocupa o edifico onde se atopa na actualidade.

Sabido é que durante estes anos o centro foi obxecto de diversas reformas de maior ou menor envergadura mais na actualidade precisa con urxencia dunha profunda reforma, xa que hai elementos do mesmo que teñen máis de 70 anos e presenta diferentes patoloxías polo paso do tempo.

Así o corrobora o deputado do BNG, Mon Fernández, indicando que “os corredores do centro presentan graves desperfectos, desgaste, humidades, e zócalos que están a desprenderse literalmente. A maioría das portas do centro non foron cambiadas desde a súa inauguración, o que provoca problemas cos sistemas de pechadura, por obsoletos, e deficiencias no illamento acústico das aulas etc.”, engadindo ademáis que “a casa do director presenta tamén un grave deterioro debido ás humidades provocadas polas deficiencias existentes na cuberta do instituto, e a fachada principal tamén sofre humidades e o desconchado da súa pintura.”

Así mesmo as instalacións para desenvolver as aulas de educación física son pequenas e insuficientes para esta actividade, indicando o deputado nacionalista que  “o centro apenas dispón dun pequeno ximnasio, polo que sería necesario, cando menos, cubrir unha das pistas deportivas que o centro ten no exterior para ser utilizado tanto para as aulas de educación física como para o lecer do alumnado nos recreos en caso de mal tempo”.

É por isto que desde o centro están a demandar unha reforma integral do mesmo, corredores, escaleiras, novas portas, nova iluminación interior, reparación das deficiencias estruturais, e a mencionada pista deportiva cuberta.

Un conxunto de demandas sobre as que o deputado Mon Fernández rexistrou unha Proposición non de lei instando á Xunta  a realizar esa necesaria reforma integral das instalación así como a dotalo dun novo espazo cuberto para os recreos e aulas de educación física.