O BNG presentará no Parlamento Galego unha nova batería de iniciativas sobre a situación da ría
Onte á noitiña celebrouse na sede comarcal do BNG unha reunión de traballo entre unha delegación do BNG comarcal e representantes das confrarías da ría. A Responsábel Comarcal do BNG Mercedes Tobío e o deputado Mon Fernández mantiveron o encontro coa Patroa de Ferrol, os Patróns de Barallobre e Mugardos, acompañadas do biólogo e experto na produción marisqueira da ría, Joam Luis Ferreiro.
O encontro –que dá continuidade a outros mantidos con anterioridade- tiña por obxecto avaliar a situación da ría e concretar iniciativas na defensa do seu futuro coma sector da economía comarcal. Segundo manifestou o deputado do BNG “ a valoración final, e compartida por todo o sector, é que a situación da ría é de colapso produtivo, contradicindo as mensaxes que desde a Xunta de Galiza se difunden centrándose intencionadamente en datos relativos a recrutamento ou mortalidade”
Mon Fernández foi rotundo na constatación da realidade, ao afirmar que “os únicos datos realmente concluíntes sobre a produción marisqueira, os de capturas, non deixan lugar a dúbidas” facendo referencia ao cadro no que se evidencia a caida na recollida de ameixa babosa entre o ano 2000 até os últimos cinco anos
AMEIXA BABOSA |
|
Ano |
Kg |
2000 |
427.412 |
2017 |
112.718 |
2018 |
96.818 |
2019 |
31.728 |
2020 |
31.978 |
2021 |
25.849 |
Segundo o deputado nacionalista “as capturas de ameixa babosa, a principal especie da ría, manteñen a tendencia á baixa desde que hai rexistros, sendo no 2021 o 6% do que era no ano 2000” engadindo que “o colapso da ría é xeral e non exclusiva do banco das Pías, senón que outros, como o da Barca en Mugardos, están na mesma situación malia ter sido historicamente un banco dunha produción elevadísima e que ocupaba a moita xente”
Ao fío desta realidade, o BNG vai presentar nos vindeiros días iniciativas no Parlamento Galego para comprometer ao goberno galego na implementación de medidas tendentes á rexeneración e recuperación da ría de Ferrol; coma un piar básico no mantemento de emprego e actividade económica.