O BNG presentará unha iniciativa parlamentar para esclarecer o accidente laboral no estaleiro da Graña
Mon Fernández salientou que, por desgraza, Galiza está en cifras récord de mortalidade no traballo. Levamos anos encabezando as estatísticas de sinistralidade laboral no estado Español e isto, que pode ter moitas e diferentes causas, sería imposíbel sen a tremenda tolerancia social e sobre todo sen a tolerancia política cos incumprimentos en material de prevención de riscos laborais.
Ferrol 11 de outubro de 2024. Mon Fernández, Deputado do BNG no parlamento Galego, trasladou o máis sentido pésame do BNG ás familias, amigas e compañeiras dos dous traballadores finados esta semana no estaleiro da Graña e anunciou a presentación dunha iniciativa parlamentar sobre este accidente e promover un debate sobre alta sinistrabilidade laboral na Galiza ademais de que é preciso aclarar as causas sobre o por que, unha empresa de construción e reparación naval, unha actividade considerada de risco na normativa de prevención, pode funcionar durante 20 anos incumprindo absolutamente todo.
Mon Fernández indicou que nun momento coma este, despois da traxedia que significa que dúas persoas perdan a vida no seu posto de traballo, e máis aínda cando isto se produce nunhas circunstancias que a todos e todas nos fan estremecer só de pensalo, e a pesar de que o recomendable sería non facer declaracións en quente, ter cautela e agardar a que conclúan as investigacións en marcha, considera que se `pode manifestar con toda rotundidade que o accidente acontecido o xoves pasado no estaleiro da empresa Blascar na Graña, é un caso claro do que coloquialmente chamamos terrorismo patronal.
Fernández indicou que calquer persoa que traballara nese estaleiro nos últimos 20 anos pode confirmar que nunca se cumpriron nese centro de traballo nin as máis mínimas normas de seguridade de traballo. Nunca en 20 anos. É algo de dominio público na comarca de Ferrol.
Mon Fernández salientou que, por desgraza, Galiza está en cifras récord de mortalidade no traballo. Levamos anos encabezando as estatísticas de sinistralidade laboral no estado Español e isto, que pode ter moitas e diferentes causas, sería imposíbel sen a tremenda tolerancia social e sobre todo sen a tolerancia política cos incumprimentos en material de prevención de riscos laborais.
Por esta razón consideramos que a nosa obriga levanos a ter que rachar co libro de estilo de mesura e boas formas, para manifestar con toda rotundidade o que nunha comarca da tradición industrial de Ferrol sabe todo o mundo, que nese centro de traballo non se cumpría coas obrigas legais de seguridade, e que iso non é responsabilidade dun encargado, dun xefe de equipo, ou de calquera outro subordinado, como moitas veces acaban resolvendo as sentenzas xudiciais, iso é responsabilidade de quen manda de verdade nesta empresa, que agardamos que efectivamente acabe na cadea.
Sabemos que hai, non sen razón, unha certa sensación de impunidade. Que existe a idea de que un pode agochar a súa responsabilidade en materia de seguridade, detrás dun sistema de prevención que moitas veces non existe máis que sobre o papel.
Facer que esa responsabilidade, esa obriga de seguridade para cos traballadores e traballadoras sexa unha obriga real, efectiva e esixíbel, correspóndelle aos gobernos con competencias na materia. Neste caso á Xunta de Galiza, que é a autoridade laboral no noso país.
E que, por certo, é responsábel de cultivar esa tolerancia, de promover ese relato segundo o cal o primeiro sempre é a actividade empresarial por riba de calquera outra consideración, tanto ten falar da protección ambiental, ou, do dereito máis básico dos traballadores e traballadoras, o dereito á vida. Algo así como que a máquina non pode parar.
Sabemos que este discurso existe e hai que combatelo por terra, mar e aire, porque este discurso mata traballadores e traballadoras e no BNG non podemos mirar para outro lado nin permanecer impasíbeis.