O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta para o Concello de Cedeira

Presentación emendas BNG en Cedeira

“A nosa prioridade é corrixir o abandono dos servizos públicos no Concello destes 14 anos de goberno do Partido Popular”

O grupo municipal do BNG no Concello de Cedeira e máis o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, presentaron as emendas rexistradas aos orzamentos da Xunta actualmente en fase de discusión no Parlamento.

Desde o BNG recoñecen que son moitas as cuestións no Concello de Cedeira que precisarían de máis e mellor atención por parte da Xunta, e polo tanto moitas
as emendas que deberían presentarse a este proxecto de orzamentos. Fixeron mención especial á situación da Serra da Capelada, que precisa dunha rexeneración, ás instalacións da zona portuaria, que carecen de saneamento e están vertendo directamente na ría, e á o centro histórico da vila que precisa dunha aposta realmente decidida pola súa rehabilitación .

Mais a principal preocupación da formación nacionalista radica nos servizos públicos, en facer de Cedeira un Concello que ofreza boas condicións de vida para todos os veciños e veciñas, e salientaron a necesidade de contar con un centro de día, a necesidade de mellorar o servizo de asistencia sanitaria na atención primaria e pediátrica, a necesidade de impulsar un despregamento da banda larga nas zonas rurais das comarcas de Ferrol e Ortegal, e por último unha actuación integral nas instalacións do CEIP Nicolás del Río que está desde hai moitos anos nunha situación insostíbel por indigna e perigosa.

De feito son moitos lugares nos que chove dentro do edificio, por exemplo no pavillón, ou nos corredores, en algún caso a través das lámpadas, e mesmo en algunha aula na que imparten as materias mentres chove no interior. 

Estas serán as emendas que o grupo parlamentar do BNG defenderá incluír nos orzamentos da Xunta co obxectivo claro de poñer fin ao abandono destes 14 anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza que teñen colocado servizos e instalacións públicos esenciais para o Concello de Cedeira ao borde do colapso.