O BNG pregunta por que o Presidente Rueda votou a favor de que Reganosa demandara ao Concello de Mugardos

Mon Fernández
O deputado Mon Fernández preguntou hoxe na Comisión de Economía sorbe a posición do Presidente na demanda contra o Concello

Por que o Presidente Rueda votou a favor de que Reganosa demandara ao Concello de Mugardos? Esta foi a pregunta que hoxe o grupo do BNG realizou na comisión de Economía do Parlamento galego para a súa resposta por parte da Xunta, representación que asumíu Paula Uría, Secretaria Xeral de Industria para responder as preguntas do BNG. Dáse o paradoxo de que ela mesma foi unha das 5 representantes da Xunta de Galiza no Consello de administración de REGANOSA que xunto co Presidente Rueda votaron a favor de demandar ao Concello de Mugardos, unha votación que non foi quen de explicar.

Na súa intervención, o deputado nacionalista “Mon” Fernández fixo unha longa exposición co contencioso, lembrando en primeiro lugar que “ a empresa REGANOSA considera que está mal encadrada no IAE. De feito cando iniciou a súa actividade inscribiuse no epígrafe 123.2 do IAE, e foi posteriormente a axencia tributaria, despois dunha actuación de comprobación, quen corrixe esa inscrición pasándoa ao epígrafe 152. REGANOSA recorreu esta modificación realizada pola axencia tributaria, perdeu nas primeiras instancias, e por fin  no ano 2020 o TEAC deulle a razón e resolve que o epígrafe que lle corresponde a REGANOSA en virtude da actividade que realiza é o 123.2”

Fernández lembrou que “a diferencia de que REGANOSA tribute nun ou noutro epígrafe é substancial para o Concello de Mugardos. Se no epígrafe 123.2 recibiría de REGANOSA 34.183€ ao ano, no outro, no epígrafe 152 viña recibindo 467 mil euros/ano. E agora REGANOSA pretende que o Concello de Mugardos lle devolva todo o que pagou de máis desde o ano 2010. Concretamente 5 millóns e medio de euros, entre as diferencias de tributación dos últimos 10 anos, que suman 4 millóns 200 mil euros, máis outro millón 200 mil en conceito de xuros.

Após da reclamación de REGANOSA  ao concello –que éste respostou decindo que non ha lugar- a empresa presenta demanda no contencioso-administrativo de Ferrol. Sobre o particular, “Mon” Fernández aseverou que “ como é sabido a Xunta é titular do 25% do capital social de REGANOSA, o que representa unha participación moi importante, e como tal socia tivo que estar de acordo para a presentación da demanda. De feito na reunión do Consello de administración de REGANOSA na que tomaron a decisión de presentar a demanda había 5 altos representantes da Xunta, vostede mesma, varios conselleiros, e o presidente RUEDA. E todos votaron a favor de presentar a demanda. O presidente RUEDA votou a favor de  demandar ao Concello de Mugardos”

Ao respecto da proposta que REGANOSA lle fixo ao concello de Mugardos –iso sí, despois de presentar a demanda- o deputado do BNG lembrou que “a proposta de retirar a demanda consistiría en que o Concello acepte a reclamación de REGANOSA, é dicir, a débeda de 5 millóns e medio de euros, e REGANOSA faría unha doazón ao Concello por valor de 4.815.312,1€, un 87,5% da cantidade total, e destinar os restantes 683.660,57€ da débeda como pago a conta do IAE para os vindeiros 20 anos. Proposta que por certo desprende certo cheiro a chantaxe, e gostariamos saber se considera posíbel que o Concello de Mugardos acepte esta proposta, tendo en conta que en vía administrativa xa rexeitou a devolución dos cartos, e tendo en conta ademais que os informes que solicitou, tanto ao secretario xeral do Concello, como outro informe que pediu á axencia tributaria, se pronunciaron en contra da solicitude de devolución realizada por REGANOSA.”

Para rematar a intervención, Fernández preguntou á representante da Xunta “que lle parece que nestas circunstancias e con estes antecedentes, o alcalde, que por certo dixo o ano pasado que non podía aceptar a reclamación de REGANOSA mentres non houbese unha sentenza que condenara ao Concello a pagar, agora estea considerando aceptar este acordo até o punto de levalo a votación no último Pleno do Concello, para retiralo unha vez iniciado o debate en vista das dúbidas manifestadas por varios grupos municipais, entre eles o do BNG? Estará pensando o alcalde de Mugardos, que por certo é do PP, que con amigos coma estes non precisa de inimigos...”