O BNG non comparte a sentenza contra da ex-concelleira do BNG en Fene, Mariela Aguilar
Acusa ao PP de vinganza persoal, procurando na xustiza o apoio que a cidadanía lle nega
Perante a sentenza da Audiencia Territorial de A Coruña dictada no día de onte, ao respecto do xuizo celebrado na Adiencia provincial da Coruña o pasado 21 de setembro de 2021 ao fío da denuncia que fixera o portavoz do Partido Popular en Fene –Gumersindo Galego- contra da presidenta da mesa de idade –Mariela Aguilar- canda a moción de censura presentada en outubro de 2017 contra o naquel entón alcalde do BNG, Juventino Trigo, este Consello Comarcal quere manifestar:
1. Respectamos –mais non compartimos en absoluto- o fallo xudicial. Tal e como dixemos no momento do xuizo, mágoa que un asunto político e administrativo chegase aos xulgados por unha vinganza persoal de Gumersindo Galego, quen presentou a denuncia penal cando xa ocupaba de novo a alcaldía. Após da moción de censura que foi adiante no seu momento -en abril de 2018- non viña a conto meter unha denuncia persoal -non do Partido Popular- contra unha concelleira que xa nin sequera estaba a obstentar rersentación institucional algunha no concello de Fene.
2. Alén disto, é evidente que a vontade popular ditou unha sentenza moi clara en maio de 2019; aumentando a representación do BNG en dous concelleiros –devolvéndolle así a alcaldía a Juventino Trigo- baixando en un concelleiro a representación do PP e facendo desaparecer a os supostos tránsfugas. A veciñanza de Fene tivo claro, pois, que a moción de censura presentada daquela contra do alcalde do BNG polo PP estivo amparada nun caso -que se evidenciou máis que clarísimo- de transfuguismo político e con argumentos que non respondía ao interese xeral do pobo do Fene. Algo que continúa a pasar dentro da vida política deste país e que ao PP non parece preocuparlle en absoluto.
3. Reiterar o noso apoio á actuación da compañeira Mariela Aguilar, que representa para tod@s un exemplo de compromiso coa cidadanía de Fene; sempre na procura do interese público e común da veciñanza fenense. Unha muller coñecida, recoñecida e valorada polo seu activismo social coa veciñanza. Desde o BNG non podemos máis que manifestar o noso orgullo de contarmos na nosa organización con compañeiras coa entrega e o compromiso de Mariela.