O BNG de Neda centra as súas demandas aos orzamentos da Xunta no saneamento da ría e a prevención das inundacións.

X.M Golpe e o grupo do BNG de Neda
O BNG lamenta o nulo compromiso do goberno do PP con Neda ao rexeitar todas as propostas nacionalistas.

A portavoz municipal do BNG, Cristina Bouza, acompañada do concelleiro Rubén Ríos e do deputado autonómico Xosé Golpe presentaron na mañá deste luns as emendas que a formación nacionalista presentou para a localidade de Neda.

Estas emendas teñen dous obxectivos principais, explicou Cristina Bouza, no primeiro recollemos todo o que ten que ver co saneamento da ría “no que respeita ao Concello de Neda, a Xunta de Galiza, a través do seu organismo Augas de Galiza, comprometeu a súa colaboración no ano 2014 para financiar o 100% dunhas obras que tiñan como finalidade solucionar os problemas de funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e da rede colectores do municipio, obras que nunca remataron”

O feito que hoxe aparece como máis controvertido é precisamente por que razóns o saneamento do Concello de Neda quedou fora dos convenios para o sistema xeral de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol, precisamente nunha etapa na que gobernaba no Concello, na Xunta e no Estado o Partido Popular, por que non se remataron as obras comprometidas pola Xunta de Galiza no ano 2014, e sobre todo, cal ha de ser a solución a futuro.

No tocante á prevención dos desbordamentos dos ríos Besteiro e Belelle Xosé Golpe denunciou a hipocrisía con que a Xunta está a tratar este grave problema. “por unha banda, publicitan as limpezas dos ríos como se fose algo extraordinario, cando é algo que xa tiña que estar feito; e por outra non consignan cantidades suficientes para atallar os problemas dos desbordos”

Nas emendas presentadas polo BNG recóllese un paquete de medidas para adecentar as marxes de ambos ríos e poñelas en valor como un recurso natural para o desfrute da veciñanza.

As emendas presentadas polo BNG de Neda complementase con melloras no centro de saúde, nos centros de ensino, e diversas obras en infraestruturas de titularidade autonómica, como a estrada AC-115.