O BNG levará aos plenos a situación crítica do transporte na comarca

Rolda de prensa transporte
A iniciativa foi presentada esta mañá en rolda de prensa

O BNG presentou esta mañá en rolda de prensa a posta en marcha dunha campaña comarcal na defensa do transporte, a través da cal presentarán nos concellos mocións para instar á mellora do servizo. Desde o BNG sempre acreditamos que o transporte colectivo de carácter público – baseado sempre no seu carácter inclusivo para todas as persoas usuarias- é un elemento fundamental á hora de vertebrar o noso país, cumprindo tamén un labor social á hora de democratizar o acceso ao transporte e garantir que áreas con complicacións engadidas na súa comunicación, poidan tela. Alén de este valor, o transporte público é de vital importancia á hora de facer máis sustentábel o desprazamento de persoas por estrada, polo que un bo servizo público de transporte axudará a reducir o número de vehículos persoais nas estradas e polo tanto as súas emisións, así como de accidentes ou colapsos e ruídos nos espazos urbanos.

Ao fío da instauración do último plan de transporte de Galiza, son milleiros as queixas de persoas usuarias, colectivos e traballadores ante este novo modelo no deseño das licitacións públicas e da súa execución ou posta en práctica. Este novo plan de transporte está a deixar na nosa comarca unha situación realmente caótica; con eliminación de horarios, itinerarios e paradas, cuestión que repercute negativamente na vida diaria da veciñanza. Este último plan de transporte de Galiza deixa fóra moita da poboación da comarca  que este plan de transporte non ten nin en consideración, situación agravada pola falta de oferta de alternativa  de transporte por parte de quen ten a competencia, a Xunta de Galicia.

Uha situación que deriva dos evidentes incumprimentos por parte da adxudicataria MONBUS, mais tamén da complicidade da Xunta; como responsábel da adxudicación do servizo e garante das clausulas que se explicitan nos mesmos. E cómpre lembrar que, para o desenvolvemento do transporte metropolitano na nosa comarca, asinouse un convenio hai dous anos –que deriva nunha importante aportación económica por parte dos concellos- no que se expresa coma un dos obxectivos fundamentais “…proceder á execución dunha serie de actuacions conxuntas que permitan o mellor desenvolvemento do transporte metropolitano no seu ámbito, como medidas de fomento de mobilidade sostible…”.

Lonxe do cumprimento dos obxectivos fixados no convenio resulta totalmente caótica: incumprimento de horarios e itinerarios, insuficiencia e malas condicións dos medios utilizados, carencias de persoal , etc..Unha situación que levamos aturando desde hai tempo, e dun xeito indecente desque a Xunta procedeu á nova adxudicación ao monopolio que representa a empresa MONBÚS; e que está a ser denunciada desde diversos colectivos e institucións, sen que se producise mellora algunha das deficiencias comentadas.

Con este panorama, resulta evidente que os obxectivos que se concretan no convenio asinado vai para dous anos ––no que os concellos achegan  en cada anualidade 2021-2024 máis de 350.000 euros- están a incumprirse por parte da Xunta, que é realmente a que tén que velar porque a/s empresa/s adxudicataria/s cumpran os seus contratos que, entendemos, deberían responder ao contido do convenio asinado cos concellos.  Este último plan de transporte de Galiza, ademais deixa fóra moita da poboación da comarca, á  que o plan e os seus responsables non teñen nin en consideración, situación agravada pola falta de oferta de alternativa  de transporte por parte de quen ten a competencia, a Xunta de Galicia.

Neste contexto, e atendendo á defensa dos intereses das persoas usuarias e tamén á transparencia e obxectividade no referente ao destino dos fondos municipais que os concellos están a dirixir ao comprimento do convenio, e tendo presente a realidade dos concellos rurais, o BNG insta aos plenos dos concellos a adoptar acordos  para demandar da Xunta unha urxente solución á citada problemática; concretada especialmente no reforzo e adaptación de servizos en horas que demandan os colectivos de usuarias, co  fundamental obxectivo de  atender  definitiva e acaídamente as necesidades de mobilidade da poboación da comarca, noemadamente as derivadas de razóns laborais, académicas, asistenciais, etc. Así mesmo, a moción que o BNG levará aos concellos tamén demanda a curto prazo a revisión do presente contrato así como a revisión dos convenios dos concellos no transporte metropolitano asinado coa Xunta e provocados pola delegación do Concello de Ferrol.