O BNG levará ao Parlamento as necesidades dos CEIP da Gándara e da Solaina do Concello de Narón

Mon Fernández e Olaia Ledo

A portavoz municipal, Olaia Ledo, e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, visitaron o CEIP  da Gándara xunta cunha representación da Federación de ANPAS

O estado de conservación das instalacións dos centros educativos é xeralmente mala, e a atención que desde a Consellaría competente se presta ás demandas que neste sentido se presentan tanto por parte dos equipos directivos, como das ANPAS, ou mesmo por representantes municipais dos concellos onde están situados os centros, é nula.

Tanto é así que xa está establemente instalada na opinión das diferentes comunidades educativas a idea de que para que a consellaría acepte realizar as obras demandadas hai que agardar a que o centro estea de aniversario e os dirixentes do PP locais ou autonómicos queiran facer unha “boa foto”.

Non son unha excepción os CEIP dos barrios da Gándara e da Solaina no Concello de Narón, nos que obras urxentes seguen demorándose sen explicacións ou xustificación posíbeis.

É o caso dos tellados de ambos os centros, nos que aínda hai placas de fibrocemento, e que deixan pasar tal nivel de auga que preocupa o grao de afectación que despois de anos así poida presentar a propia seguridade do edificio.

Xanelas que non pechan, baños que precisan de seren reformados na súa integridade, e calefacción que funciona de cando en vez, son outras das obras que é necesario atender de inmediato.

O feito de non aparecer previsión ningunha sobre estes centros no proxecto de orzamentos para o ano 2023 non fixo máis que aumentar o nivel de preocupación e indignación das ANPAS destes centros e da comunidade educativa en xeral do Concello de Narón.

Neste sentido o deputado no Parlamento galego, Mon Fernández, ven de rexistrar unha iniciativa instando á Xunta a pactar coa representación dos CEIP da Gándara e da Solaina unha relación de obras urxentes para o seu inicio durante o ano 2023.