O BNG levará ao Parlamento Galego a seguridade viaria da AC115 ao seu paso por Neda e Fene

veciñanza de neda pola seguridade na AC115

O BNG reuniuse durante a semana pasada con diferentes entidades preocupadas pola falta de seguridade nesta vía titularidade da Xunta de Galiza

Fene avalía a seguridade na AC115

A estrada AC115 ao seu paso polos Concello de Neda e Fene ten sido lugar de varios graves accidentes, algúns mesmo con resultado de morte, como o caso da muller atropelada no mes de xullo do pasado ano.

A partir da saída da AP9 e no sentido Neda-Fene carece de beirarrúas na marxe dereita en practicamente todo o tramo de Neda e en todo o tramo de Fene, así como de pasos de peóns, isto nunha zona densamente poboada e pola que circulan diariamente máis de 2.500 vehículos.

O BNG ven de reunirse con diferentes entidades da zona e as opinións sobre a nula seguridade viaria son contundentes, trátase dunha zona de risco elevado pola continua presenza de viandantes de todas as idades, persoas maiores e escolares que non teñen como cruzar a vía con seguridade, nin tan sequera nas zonas de parada do transporte público.

As reunións celebráronse durante a semana pasada, coa participación da concelleira Sandra Permuy, polo BNG de Fene, a concelleira e o concelleiro Cris Bouza e Rubén Rios, polo BNG de Neda, a responsábel comarcal do BNG Pilar Lozano e o deputado no Parlamento Galego Mon Fernández.

Nestas reunións o BNG comprometeuse a presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para que a Xunta de Galiza, titular da estrada, acometa as melloras necesarias que demandan os veciños e veciñas: beirarrúas, pasos de peóns seguros, e redución de velocidade na entrada ao centro da vila de Neda.

Esta zona, onde coincide a saída da AP9, de feito é a máis problemática. Alí prodúcense múltiples accidentes de diferente gravidade, desde pequenos alcances entre vehículos, até o xa referido atropelo mortal, que provocou que un grupo de veciños e veciñas presentara unha serie de propostas ao Concello para mellorar a seguridade. O Concello trasladounas á Xunta, que lembramos, é a titular da estrada.

Unha das iniciativas da batería do BNG consistirá precisamente en preguntar formalmente á Xunta de Galiza como están estas demandas veciñais.