O BNG levará ao Parlamento Galego unha iniciativa para a protección do sector percebeiro da comarca de Ferrol

Mon Fernández

O pasado luns o deputado no Parlamento Galego Mon Fernández mantivo unha reunión na confraría de Ferrol con representantes do sector percebeiro, preocupados polo futuro da produción deste marisco e polo seu traballo. Un sector que actualmente ocupa a unhas 100 persoas da confraría de Ferrol que traballan na zona que vai desde o Porto exterior de Ferrol no cabo Prioriño até o Faro de Meirás.

O risco para este sector trae a súa causa directamente da posición da Xunta de Galiza respeito do que se coñece como o “conflito da mexilla”, un conflito que malia reproducirse ano tras ano a Xunta non só non soluciona senón que por causa das súas últimas decisións ampliou o seu alcance territorial e social, impactando de cheo na nosa comarca.

Este conflito entre dous sectores produtivos de grande importancia na Galiza prodúcese por coincidir a extracción da semente de mexillón, para o seu posterior cría e engorde nas bateas, coa captura ou extracción do percebe nas mesmas zonas rochosas da costa galega.

Segundo o deputado do BNG "o  conflito chega á comarca de Ferrol por causa dunha zonificación establecida pola Xunta para realizar a extracción da mexilla territorialmente tan descompensada que desde a Torre de Hércules até o cabo Ortegal é zona aberta para esta actividade, provocando a chegada dunha cantidade de persoas para realizar esta extracción nunca vista antes na zona e aparentemente sen control ningún, segundo informan os representantes do sector, que engaden ademais que está a poñer en risco a produción presente e futura do percebe"

Mon Fernández asegura tamén que "hai unha sobre-actividade que racha radicalmente coa que viña producíndose historicamente realizada polo sector con base en Lorbé, na ría de Betanzos próxima ás zonas de explotación de percebe da confraría de Ferrol, que nunca provocara problemas cos percebeiros de Ferrol, xa que o coñecimento  mutuo de moito tempo, o volume de actividade e as zonas elixidas para realizala, eran inocuas ou tolerábeis para o sector percebeiro de Ferrol"

Esta actual sobre-actividade do sector na nosa comarca débese ás súas grandes necesidades comerciais e á evidente falta de previsión da Xunta de Galiza que malia a relevancia económica da produción de mexillón, e ao antiga e coñecida desta problemática, nunca impulsou métodos alternativos que eviten a dependencia deste sector da capacidade de captura de semente no entorno natural, poñendo en risco a viabilidade e seguridade da propia produción mexilloeira ou a súa compatibilidade con outra de tanta importancia no noso país como é a do percebe.

O deputado nacionalista engade que “a desconexión da Consellaría do Mar respeito dos actores deste conflito é tal que a representación do sector bateeiro ven de comunicar publicamente que rexeita reunirse coa Conselleira, mentres que o sector percebeiro, por exemplo na comarca de Ferrol, manifesta sentirse absolutamente desprotexido”. Para rematar afirmando que “a Xunta está instalada nunha política de deixar facer, vestida hipocritamente de respecto pola autorregulación, escusándose na dificultade de conseguir consensos, que chegou ao extremo de pedir responsabilidade aos sectores en conflito cando é a propia Xunta a que destaca pola súa renuncia a asumir a súa responsabilidade como goberno con competencias plenas que é”

O BNG levará ao Parlamento de Galiza unha iniciativa instando á Xunta a reunirse coa confraría de Ferrol, e a realizar de común de acordo as modificacións necesarias nos plans de explotación para garantir a actividade presente e futura do sector percebeiro.