O BNG leva ao Parlamento os recortes na oferta formativa de FP nos centros de Ferrol

Reivindicación FP
O deputado comarcal, Mon Fernández, denuncia que máis de 7 Ciclos superiores pasan a ser impartidos a distancia así como toda a formación de persoas adultas

A Consellería de Educación volve dar mostra do seu talante autoritario nunha nova reordenación educativa unilateral, xa que ven de comunicar unha proposta pechada de oferta formativa para o vindeiro curso académico consistente en promocionar a FP a distancia, incluso de forma parcial, chegando a substituír en moitos centros por esta modalidade a oferta modular ou mesmo ordinaria presencial.

De feito, na comarca de Ferrol, os ciclos que pasan a ser a distancia cando o curso pasado impartíronse en presencial son os seguintes, no CIFP LEIXA o CS Promoción de igualdade de xénero, e no CIFP RODOLFO UCHA PIÑEIRO, o CM xestión Administrativa, o CM Sistemas microinformáticos e redes, o CS Desenvolvemento de aplicacións web, o CS Administración e finanzas, e o CS xestión de vendas e espazos comerciais, asemade toda a oferta de adultos deste centro vai ser dual ou a distancia.

O deputado do BNG, Mon Fernández lembrou que "ao mesmo tempo que o Partido Popular recorta a calidade e a oferta educativa na FP, nomeadamente naquelas familias vinculadas como Servizos Socioculturais e á Comunidade, Administración e Xestión, e Informática e Comunicacións, autoriza esta mesma formación en centros de titularidade privada"

Fernandez reiterou que "este proceder, premeditado e reiterado nos últimos anos, evidencia a planificación do Partido Popular para ir desmantelando o ensino público en Galiza, e nomeadamente no ámbito da FP nun momento en que debía ser potenciadas e reforzadas, tal e como están manifestando alumnado e profesorado dos diferentes centros educativos do país, así como organizacións sindicais que mesmo demandan a demisión ou cesamento da Directora xeral de FP"

Por todo o exposto, o BNG quere manifestar o apoio á  mobilización convocada pola CIG Ensino o 27 de xuño en Compostela, así como anunciar que vén de rexistrar no Parlamento Galego unha proposición non de lei instando á “Xunta de Galiza a manter a docencia presencial na oferta modular e ordinaria da FP da comarca de Ferrol, así como a consensuar cos centros e o profesorado a oferta educativa de cada centro.”