O BNG leva ao Parlamento as reclamacións de Reganosa contra o Concello e Mugardos e a ameaza de tributar en Madrid

Mon Fernández, Argemiro Varela e Mercedes Tobío
O deputado comarcal Mon Fernández presenta dúas iniciativas pedindo explicacións á Xunta de Galiza na súa calidade de socia de referencia no capital de REGANOSA

Nunha rolda de prensa celebrada hoxe en Mugardos –na que participaron o deputado do BNG “Mon” Fernández, a portavoz comarcal do BNG Mercedes Tobío e o portavoz municipal da organización en Mugardos, Argemino Varela- o BNG abordou o conflito derivado da reclamación de REGANOSA contra do concello de Mugardos, logo de que o alcalde do Concello de Mugardos fixera público que a devandita empresa presentou unha reclamación xudicial contra o Concello, demandando o que a empresa considera pagos indebidos en concepto do tributo IAE.

Ao respecto da cuestión, o deputado do BNG suliñou que “desde o BNG queremos amosar a nosa preocupación polo montante da reclamación, próxima aos 6 millóns de euros, así como pola paralización de certos investimentos e colaboracións económicas da empresa que viñan sendo habituais no concello”

O portavoz municipal, Argemino Varela, fixo fincapé “na difícil situación económica na que se atoparía o Concello de Mugardos de ter éxito esta reclamación, xa que a cantidade reclamada equivale ao orzamento anual do Concello. E salienta tamén a parálise de eses investimentos e colaboracións, como medida de presión para conseguir do Concello o pago das cantidades reclamadas”

Abondando no tema, “Mon” Fernández abondou, afirmando que “unha das cuestións que máis preocupación e indignación nos provocan é a ameaza de tributar a partir de agora en Madrid. Primeiro, polo o feito de ter a empresa a súa sede e centro principal de actividades no Concello de Mugardos, e segundo, polo feito de ter a Xunta de Galiza unha porcentaxe importante do capital social da empresa”

Para abordar esta cuestión, o BNG presentou dúas iniciativas no Parlamento Galego. A primeira, unha pregunta oral, na que se interpela á Xunta sobre os seguintes puntos:

1.       Tivo coñecimento a Xunta de Galiza da interposición de esta demanda por parte de REGANOSA contra o Concello de Mugardos?

2.      Que obrigas de información ou consulta establecen os estatutos sociais da empresa ao respeito da presentación de demandas xudiciais contra entidades públicas?

3.      Que opinión lle merece este comportamento da empresa REGANOSA?

4.      Vai a Xunta de Galiza a tomar algunha medida para evitar que REGANOSA chegue a emprender as accións anunciadas?

Asimesmo, o BNG presenta outra proposta non de lei para o seu debate en comisión, coa seguinte parte resolutiva:

“O Parlamento de Galiza considera inaceptábel que a empresa REGANOSA poña  en risco as contas e o financiamento do Concello de Mugardos, así como as súas manifestacións respeito de efectuar o pago de tributos no concello de Madrid, e insta á Xunta de Galiza, en tanto que partícipe do capital social da empresa, a tomar as medidas necesarias para que a sociedade renuncie a emprender accións xudiciais contra o Concello de Mugardos, así como a cambiar a lugar onde realice a súa tributación.”