O BNG leva ao Parlamento proposta para deixar sen efecto a supresión da esa no IES Concepción Arenal

O deputado Mon Fernández

Ao fío da decisión da Consellaría de eliminar unha oferta formativa que ven impartíndose desde hai perto de 50 anos, o BNG rexistrou no Parlamento Galego unha Proposición non de lei para o seu debate na Comisión 4ª sobre a supresión da ESA no IES CONCEPCIÓN ARENAL do Concello de Ferrol.

Segundo o deputado do BNG Mon Fernández “no transcurso da pasada semana, e xa unha vez iniciado o curso, a Consellaría de Educación ven de comunicar o “traslado” da educación secundaria para adultos (ESA) que ven impartíndose no IES Concepción Arenal á EPAU de Caranza; nunha decisión que contravén a normativa de aplicación, que fixa en 15 as persoas matriculadas necesarias para impartir esa modalidade de ensino, existindo no momento no que se comunica a decisión un número amplamente superior, que ademais, historicamente, medra unha vez avanza o curso”

O deputado do BNG lembra na súa iniciativa que “esta modalidade de ensino, coñecida en Ferrol como “o nocturno”, leva impartíndose no centro Concepción Arenal desde hai 50 anos, sendo sempre moi demandada; polo que a decisión do traslado en realidade significa a supresión da modalidade, porque ademais de cambiar o centro de ensino, elimina o horario de 18h a 22h”

Para rematar, Mon Fernández afirma que “o traslado de centro xa supón un prexuízo en si mesmo, xa que o Concepción Arenal está cabo da Estación de autobuses, o que facilita a matricula de moitas persoas de diferentes lugares da comarca”, insistindo que “a supresión do horario “nocturno” implica a retirada dun servizo moi específico e amplamente demandado por colectivos de persoas que teñen que compatibilizar traballo e/ou obrigas familiares cos estudos”

Ademáis de rexistrar preguntas orais sobre o tema para o pleno e comisión, o BNG presenta unha Proposición non de Lei que, na súa parte dispositiva recolle a seguinte parte dispositiva:

O Parlamento de Galiza insta á Xunta a actuar de xeito inmediato para deixar sen efecto a decisión da Consellaría de educación de trasladar a Educación Secundaria para Adultos desde o Concepción Arenal ao EPAPU de Caranza, así como a decisión de suprimir o horario de 18h a 22h, coñecido como nocturno”.