O BNG leva ao Parlamento Galego solicitude de indulto para Xesús López Pintos
O deputado do BNG Mon Fernández, vén de rexistrar no Parlamento Galego unha proposición non de lei na que demanda acordo para solicitar do goberno do Estado a concesión de indulto para Xesús Anxo López Pintos. Iniciativa que se produce ao par das mocións que o BNG está a presentar nos concellos da comarca para que os plenos de posicionen no mesmo sentido.
Esta iniciativa prodúcese logo de que centrais sindicais maioritarias da comarca de Ferrol puxeran en marcha campaña social en apoio do ex-secretario comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos, coa convocatoria dunha manifestación para o día 31 de maio, e máis unha recollida de sinaturas apoiando a concesión do indulto para Pintos, que foi condenado pola Audiencia Provincial da Coruña a unha pena de 6 meses e un día de prisión e inhabilitación especial do dereito de sufraxio pasivo por ese tempo, pola comisión dun delito de atentado contra axente da autoridade. Sentenza que ven de ser confirmada polo Tribunal Supremo.
O deputado do BNG lembra que “os feitos obxecto da condena tiveron lugar o 4 de outubro do ano 2012 ao finalizar unha concentración diante do Hotel Almirante de Ferrol en protesta pola política do Partido Popular, e as súas desastrosas consecuencias sociais, económicas e demográficas para a comarca de Ferrol.. Tratábase, polo tanto, dunha acción plural contra a continua propaganda do goberno do Partido Popular, reivindicando solucións reais para os sectores produtivos da comarca, nomeadamente para o sector naval e para a empresa POLIGAL”
Mon Fernández incide no feito de que “ a detención de Xesús Anxo López Pintos fíxose dunha forma absolutamente violenta e arbitraria, nunha acción policial claramente dirixida contra esta persoa, que foi buscada entre a multitude por ser un dirixente de grande prestixio entre a base social do movemento sindical da comarca de Ferrol; dándose o paradoxo de que a posterior condena xudicial producíuse cando López Pintos foi vítima de malos tratos, como quedou plasmado nos medios de comunicación”
Engade o deputado nacionalista que “para a concesión dun indulto será necesario que concorran en favor do condenado razóns de xustiza, equidade ou utilidade pública. E as tres concorren neste caso concreto. Non se debe esquecer o papel de Xesús Anxo López Pintos naquela concentración, onde defendía intereses, non propios, nin egoístas, senón colectivos ou xerais; polo que no BNG consideramos que a decisión que debe tomar o goberno respecto do indulto que se solicita para Xesús Anxo López Pintos ten que estar loxicamente motivada e atender a unha perspectiva política e social.”
E remata Mon Fernández afirmando que “a decisión do indulto solicitado debe medirse polo efecto que proxecta sobre os intereses colectivos ou xerais, e pola transcendencia que presenta a súa adopción para o común dunha sociedade, máis aló das repercusións particulares. E non hai que esquecer ademáis que o cumprimento efectivo da pena de prisión xeraría un enorme sufrimento en Xesús Anxo López Pintos e a súa familia que é francamente innecesario. Máxime cando a día de hoxe leva xa tempo en situación de xubilación e os feitos ocorreron hai case dez anos”.