O BNG leva ao Parlamento Galego a reivindicación das obras de transformación do buque GALICIA

O deputado Mon Fernández
O deputado Mon Fernández ven de presentar unha iniciativa para que o Parlamento de Galiza demande a adxudicación e iniciación inmediata dos traballos de transformación deste buque ao centro de Navantia Ría de Ferrol

O ano pasado o Ministerio de Defensa adquiriu o buque mercante GALICIA para a súa posterior transformación en buque de transporte de tropas e vehículos para o exército. Foi a opción máis económica para substituír aos buques que actualmente prestan estes servizos despois de desbotar a adquisición dun buque novo.

As obras de transformación do buque poderían representar 8 meses de traballo, máis de 200.000 horas de traballo efectivo, fundamentalmente para o departamento de carenas, en áreas como aceiros, pintura, ou habilitación.

Unha obra planificada e orzamentada desde o departamento de Carenas Ferrol, mais que actualmente está sendo reclamada, de xeito máis ou menos explícito, desde a bahía de Cádiz e mesmo desde Cartaxena.

É por isto que o BNG fai seu o chamamento realizado desde a CIG de Navantia para que as forzas políticas e sociais comarcais e galegas demanden con contundencia a adxudicación e iniciación inmediata de estas obras ao centro de Navantia Ría de Ferrol, e leva esta reclamación á comisión de industria do Parlamento de Galiza que se celebrará este mércores 20.

É de suma importancia destacar que estas obras poderían comezar inmediatamente, polo que son a opción máis oportuna e realista, en canto a prazos de execución, para paliar a perda de postos de traballo que nos últimos meses chega ás 2.000 persoas.