O BNG leva ao Parlamento Galego o peche de tendas do grupo INDITEX en Ferrol e na Coruña

INDITEX reunión coas delegadas no Parlamento
INDITEX pecha ZARA HOME, a súa única tenda no centro de Ferrol, así como MASSIMO DUTTI e OYSHO no Odeón, e sentenza a morte o centro comercial da Gándara
O deputado Mon Fernández estivo o luns na concentración convocada na Praza de Lugo da Coruña, e o martes reuniuse no Parlamento coas representantes do persoal que transmitiron a necesidade de rachar co marco estatal de negociación, a apertura dun proceso de ámbito galego e a recolocación respectando as condicións de traballo.
 
Segundo o deputado do BNG “os acordos asinados por INDITEX con CC.OO e UGT en Madrid supoñen un retroceso moi importante nas súas condicións de traballo. Aumento das xornadas a tempo parcial e imposibilidade de conciliar son algunhas das cuestións nas que o persoal, maioritariamente mulleres, poñen o acento” indicando, ao mesmo tempo que “estas circunstancias están obrigando a moitas das persoas -23 na comarca de Ferrol- afectadas polos peches de tendas, a optar por rescindir os seus contratos antes que aceptar as novas condicións ofrecidas pola empresa, no que cualifican de “traslados imposibles” e de “ERE encuberto”.
 
Ao igual que a representación das traballadoras, "Mon" Fernández fixo fincapé no feito de que a pandemia e a dixitalización do negocio está a servir de escusa para precarizar as condicións de traballo do persoal propio ao tempo que aumentan os niveis de subcontratación de servizos a empresas externas (con peores condicións), chamando a atención sobre a "evidente capacidade do Grupo Inditex para enfrontar calquer cambio nos seus procesos mantendo as condicións básicas do seu persoal, como xornada ou lugar de traballo. Os almacéns, a loxística, atención ao cliente, reclamacións e devolucións, son algunhas das alternativas que reivindican as traballadoras"
 
O BNG demandará no Parlamento que a Xunta de Galiza medie para a constitución dunha Mesa Galega do Emprego no Grupo INDITEX, así como a recolocación do persoal afectado respectando as súas condicións.