O BNG leva ao Parlamento Galego a creación dun centro tecnolóxico sobre almacenamento de enerxía nas Pontes e a diversificación industrial de Navantia
Na orde do día da comisión de Industria que se celebrará no día de mañá van dúas iniciativas do BNG relativas á comarca nas que se demanda un acordo inmediato entre Xunta e Goberno estatal a favor da reindustrialización, a través da aposta decidida pola investigación e a innovación, para que poidamos tirar proveito dos novos nichos de negocio que a transición enerxética vai abrir.
Por unha banda o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 (PNIEC) sinala o almacenamento de enerxía nas súas diversas formas como unha das tecnoloxías que serán claves para a descarbonización. Tamén prevé a elaboración dun Plan de Desenvolvemento Industrial que permita capturar o máximo potencial en canto á xeración de desenvolvemento económico e emprego industrial derivados da transición enerxética, un plan no que o almacenamento pode supor unha oportunidade para desenvolver unha cadea de valor propia que sexa competitiva a nivel galego, estatal e internacional.
Por outra banda, en función da demanda de artefactos destinados á eólica mariña, e nomeadamente de artefactos flotantes, que se prevé que exista en Europa nun futuro próximo, o BNG demanda da dirección de Navantia desbotar os actuais plans de abandonar o sector en favor da Windar, consolidar as actuais capacidades de Navantia neste mercado, e mesmo promover a participación da fábrica de Turbinas nos contratos.