O persoal leva sen traballar desde hai practicamente dous anos

O BNG insta á Xunta a intervir para recuperar a actividade no Hotel Almirante

Mon Fernández

O BNG presentou diversas iniciativas no Parlamento Galego para instar á Xunta a intervir para recuperar a actividade no hotel Almirante, en Ferrol; onde o persoal leva sen traballar –no mellor dos casos- desde outubro de 2020.

O deputado Mon Fernández –impulsor da iniciativa- mantivo na fin de semana unha reunión coa delegada de persoal do estabelecimento –Isabel F. Fraga- e co responsábel da CIG, Xabier R. Veiga; na que analizaron a situación deste estabelecimento pertencente ao “Grupo Carrís”, que xestiona varios centros en Galiza. Como todas as empresas do sector viuse moi afectada pola crise provocada pola pandemia, e desde o primeiro momento botou man dos mecanismos sociais artellados polo goberno, nomeadamente un ERTE por Forza maior, que foi xestionando en función das necesidades cambiantes en cada un dos centros que xestiona no noso país, e que prolongou até o último momento. A partir do 1 de abril do 2022 esta empresa está a aplicar un ERTE ETOP, pactado coa maioría da representación do persoal nunha negociación na que participaron representantes de 6 establecementos diferentes.

        Segundo argumenta Mon Fernández na súa iniciativa “a excepción a ese acordo foi o persoal do centro de Ferrol, coñecido como Hotel Almirante, que manifestou o seu desacordo co ERTE proposto pola empresa, xa que establecía unhas condicións especiais para eles moito máis gravosas que para os demais centros de traballo afectados pola medida. De feito este persoal leva sen traballar, no mellor dos casos, desde outubro do 2020, cando nos demais centros do grupo afectados por este ERTE as medidas consistiron en reducións de xornada, e hai tempo que veñen traballando case con total normalidade”

        O deputado nacionalista lembra tamén que “as causas deste trato diferenciado e máis gravoso hainas que procurar máis aló de dificultades económicas, da situación do sector, ou de avarías das infraestruturas municipais, en desencontros de carácter empresarial entre a dirección da cadea hoteleira e a propiedade do edificio, algo absolutamente alleo ao persoal do centro, que sen embargo vese discriminado e profundamente prexudicado, pois esta estratexia empresarial trae como consecuencia que desde o mes de xuño todo o persoal do Hotel Almirante esgotou as súas prestacións por desemprego”

        Ao fío desta situación, o BNG presenta a seguinte proposta para aprobación no Parlamento Galego:

“O Parlamento de Galiza insta a Xunta a intervir e mediar no conflito para que a empresa Carrís Hoteles recupere a súa actividade no centro Carrís Almirante de Ferrol.”