O BNG fai do debate sobre o BAM unha denuncia sobre a falta dun autogoberno real

foto Ramón Mon Fernández
O deputado Mon Fernández

Mentres Feijoo celebraba esta semana os 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galiza o Partido Popular insistía en desviar as demandas da comarca de Ferrol ao Consello de Ministros

O BNG fai do debate sobre o BAM unha denuncia sobre a falta dun autogoberno real

Por 4ª vez o Partido Popular presentou na cámara galega unha iniciativa instando á Xunta de Galiza a “esixir” do goberno do estado español o encargo dun BAM para Navantia ría de Ferrol.

O BNG cualificou de “tomadura de pelo” a insistencia en presentar unha iniciativa que xa obtivo o respaldo unánime do Parlamento nas 3 ocasións anteriores, sen que en ningún caso se dean explicacións de quen, como, ou cando se realiza esa esixencia ao goberno español, nin de que resultados conseguen.

Por outra banda, o BNG tamén denunciou que o Partido Popular renega das súas responsabilidades na Xunta de Galiza desviándoas cara o Consello de Ministros, ao mesmo tempo que celebra como un éxito os 40 anos de autogoberno.

O deputado Mon Fernández relacionou a grave crise industrial da comarca de Ferrol, así como o colapso da produción na ría, coa falta dun autogoberno real, na medida en que a crise da nosa comarca non é un acontecimento recente, senón que ten a súa causa nas graves decisións tomadas durante os últimos 40 anos desde Madrid, tanto no ámbito da construción naval, como no modelo de explotación dos nosos recursos enerxéticos, como na saúde ambiental da ría.

Neste sentido o voceiro do BNG interpelou reiteradamente a Diego Calvo, quen exerceu de portavoz Popular, sobre como pode considerarse un éxito do noso autogoberno que despois de 40 anos a Xunta de Galiza non estea representada no Consello de Admon. de Navantia malia estar recollida esta posibilidade expresamente no noso Estatuto de autonomía; Como pode considerarse un éxito do noso autogoberno que a Xunta de Galiza sexa absolutamente irrelevante na crise provocada polo peche da térmica das Pontes; Ou como pode considerarse un éxito do noso autogoberno que despois de 40 anos de competencias exclusivas en marisqueo a costa mediterránea teña un clasificación A, mentres a ría de Ferrol teña niveis B, e C, e manteña algunha zona sen clasificar.

O deputado do BNG, Mon Fernández, rematou a súa intervención chamando ao Partido Popular a implicarse no futuro de Navantia e da comarca, reclamando o dereito da Xunta a facer parte do Consello de Admon. aa empresa pública, así como o dereito desta a competir en todos os mercados. E fixo fincapé na necesidade de conseguir a adxudicación e inicio inmediato das obras do buque Galicia como única posibilidade real de dotar de carga de traballo de xeito inminente ao estaleiro, e polo tanto de manter, en certa medida, a ocupación do persoal de auxiliares.

 

O BNG fai do debate sobre o BAM unha denuncia sobre a falta dun autogoberno real