O BNG fai chamada á participación no Día da Patria Galega
Celebraranse varios actos previos na nosa comarca
O BNG comarcal prepárase para a participación na manifestación nacional que se vai desenvolver -recuperando a tradición, logo do parón do pasado ano- en Compostela o vindeiro 25 de Xullo, con saída ás 12 na Alameda. Para favorecer a asistencia, a organización comarcal ten disposto un sistema de transporte colectivo, estabelecendo puntos de recollida en Ferrol, Fene e Vilar do Colo; con regreso ao remate da manifestación. As inscricións deben facerse até o día 23 no correo ferrolterra@bng.gal ou chamando ao 981364058.
Como limiar desa celebración, no ámbito comarcal vanse celebrar diversos actos. Concretamente, as previas consistirán nun concerto do grupo Tiam Gz, que se vai desenvolver este venres día 16 a partir das 20,15 h. á beira do CPI de San Valentín, en Fene.
No mesmo barrio, en San Valentín, desenvolveráse un acto político o vindeiro domingo día 18 a partir das 12 horas. Concretamente, na praza/anfiteatro situada á beira do Pavillón Polideportivo; e coas intervencións de Mercedes Tobío -responsábel comarcal- do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
Desde o BNG comarcal faise un chamamento á participación de todas as persoas que acreditan na defensa do potencial económico da nosa comarca -naval, enerxía e ría - e na capacidade para impulsar todas as súas potencialidades, na defensa dos dereitos e das liberdades; e no impulso de oportunidades á mocidade evitando que a súa única saída sexa coller as maletas; e nunha Galiza sen límite na súa capacidade para crear e para usar a nosa lingua.