BNG exixe a retirada da ‘Cruz dos Caídos’ de Neda

Acto de retirada de simboloxía franquista

Néstor Rego: “As administracións públicas teñen a obriga de retirar os elementos contrarios á Memoria Democrática e á dignidade das vítimas do franquismo”

A frente nacionalista denuncia a falta de compromiso político do goberno municipal do PSOE, que rexeita a eliminación do monumento franquista e a substitución do nome da rúa que homenaxea un alcalde franquista

O Bloque Nacionalista Galego realiza un acto no Concello de Neda para reclamar a retirada inmediata do monumento falanxista da Toeleira, coñecido como a ‘Cruz dos Caídos’, por respecto ás vítimas do franquismo e en cumprimento da Lei de Memoria Democrática. A frente nacionalista denuncia a pasividade e a falta de vontade política e compromiso do goberno municipal do PSOE por cumprir a lei e urxe avanzar de maneira decidida neste ámbito igual que o resto de concellos da comarca de Ferrol. Alén do máis, exixe a substitución do nome da rúa que homenaxea o alcalde franquista Gerardo Luaces.

“A Cruz dos Caídos é un monumento franquista de exaltación das persoas do bando gañador da Guerra Civil. Debería ter sido retirada moito antes, en todo o caso, coa aprobación da Lei de Memoria Histórica de 2007 e, con moitos máis argumentos, após a aprobación da Lei de Memoria Democrática en outubro de 2022” defende o escritor, Marcos Abalde. Para o docente, a non retirada deste símbolo franquista trátase dun “incumprimento da lei e unha humillación para as vítimas do franquismo, así como un desprezo da súa dignidade que non podemos consentir”.

Así mesmo, a portavoz municipal do BNG no Concello de Neda, Cristina Bouza, denuncia a hipocrisía do goberno socialista de Neda por se negar a retirar a ‘Cruz dos Caídos’. “Presentamos no seu día unha moción no pleno do Concello para a retirada inmediata do monumento falanxista da Toeleira e a substitución do nome da rúa que homenaxea o alcalde franquista Gerardo Luaces, mais PSOE e PP puxéronse de acordo para votar en contra” lembra Bouza. Neste sentido, a voceira municipal non entende a postura do goberno municipal socialista de Neda nesta cuestión.

“Reclamamos, máis unha vez, que a corporación cumpra coa lei tal e como a están a cumprir outros concellos da nosa comarca. Ferrol ou Fene, como os exemplos máis ilustrativos, xa eliminaron as cruces localizadas na praza de Amboaxe e ao pé da igrexa de Maniños” sinala Cristina Bouza.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembra que a Lei de Memoria Democrática estabelece o “deber de memoria” por parte dos poderes públicos. “As administracións públicas teñen a obriga de retirar os elementos contrarios á Memoria Democrática e á dignidade das vítimas do franquismo. Na comarca de Ferrol, a pesar de que existen avances ilustrativos neste sentido, a ‘Cruz dos Caídos’ de Neda representa a falta de vontade política e a ausencia de compromiso cos valores democráticos do goberno municipal” denuncia Néstor Rego.

Por outra parte, na súa intervención Rego lamentou que o resultado final da Lei de Memoria Democrática aprobada no Congreso non incorporase a derrogación dos artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía, a restitución dos bens espoliados ou a propia declaración do Pazo de Meirás como “lugar de memoria”.