Ramón Fernández reclama “decisións políticas” para rachar cos ciclos e cos vetos “se non queremos ter outra vez as gradas baleiras en dez anos”

O BNG esixe a transformación de Navantia Ferrol en auténtico complexo integral de construción naval e tecnoloxía marítima

RAMON FERNANDEZ

Permitir a construción civil, novos diques tamén para reparacións e ampliar ás empresas auxiliares os plans sociais, entre as propostas do Bloque

Ferrolterra, 30 de xaneiro, 2026. O deputado do BNG Ramón Fernández defendeu no Parlamento galego unha iniciativa para camiñar cara a transformación de Navantia Ferrol nun “auténtico complexo integral de construción naval e tecnoloxía marítima”. “Precisamos decisións políticas a favor de potenciar Navantia Ferrol, agora que hai carga de traballo e que xa sabemos que nun prazo máximo de dez anos teremos outra vez gradas baleiras”, advertiu o deputado, que esixiu “rachar cos ciclos e cos vetos” na produción da sociedade pública naval.

Como cuestión prioritaria, o deputado ferrolán defendeu así a necesidade de levantar o “veto político” que impide a Navantia ría de Ferrol facer construción civil, un veto que —subliñou– “mantiveron e aínda manteñen todos os gobernos españois, presidentes galegos e ministras ferrolás incluídas”. “Mentres o veto permaneza vivo o futuro da comarca dependerá dos ciclos de reposición de buques da armada española”, asegurou, lembrando neste punto a crise económica, social e demográfica que, como consecuencia do cambio deses ciclos construtivos, sofre aínda a comarca, que chegou a perder un terzo da súa poboación.

Xunto ao levantamento de vetos, o deputado nacionalista defendeu, a través dunha iniciativa na Comisión de Industria, a necesidade de dotar a Ferrol de novos diques, tanto para a nova construción como para reparacións pois esta é, salientou, “a única área de negocio capaz de manter emprego nos tempos de gradas baleiras”.

Segundo explicou, neste momento non hai máis que un dique con capacidade para grandes buques, o que impide atender a demanda nun mercado —o das reparacións— “con un enorme potencial”. “Hoxe en día contratar unha gran transformación supón poñer en risco o mercado de reparacións de gaseiros nos que actualmente Navantia está moi posicionada”, apuntou ao respecto. Así mesmo, considerou “absolutamente necesario” contar cun dique cuberto para novas construcións.

No que ten que ver coa innovación e novos produtos, o deputado nacionalista avogou por que Navantia faga unha “aposta real” por introducirse nos segmentos da industria eólica mariña de máis valor engadido, como as subestacións, e por ter persoal e produtos propios nesta área de actividade. Do mesmo xeito, defendeu aproveitar as oportunidades que ofrece o mercado da descarbonización da mobilidade marítima.

Xunto ao levantamento dos vetos e as novas infraestruturas, coidar do emprego é outro gran obxectivo da iniciativa que defendeu Ramón Fernández, para quen Navantia Ferrol “non pode resultar discriminada nos procesos de contratación de persoal propio anunciados polo Goberno”. No mesmo sentido, reclamou ampliar o ámbito e a dimensión dos plans sociais de Navantia, aplicándoos a todo o sector, tamén nas empresas auxiliares. “Deben aprobarse coeficientes redutores da idade de xubilación para todo o sector naval”, expuxo.

“Pensar que as empresas auxiliares teñen outros mecanismos para rexuvenecer o seu persoal é enganarse, ou é asumir que aproveitarán os paróns na carga de traballo para desfacerse das persoas de máis idade por catro pesos e con grandes penalizacións nas súas pensións”, advertiu durante o debate en torno á proposta do BNG, rexeitada polo Partido Popular.