O BNG empraza á Xunta a contribuír a unha saída negociada do conflicto do almacén de distribución de LIDL no Polígono Río do Pozo de Narón
Fernández Alfonzo lembrou ao Goberno do PP as seis semanas de folga do persoal traballador deste centro LIDL na área ferrolá por mor do “incumprimento reiterado do convenio”, corroborado pola Inspección de Traballo, e esixiulle a promoción “dun acordo ao que poidan chegar as dúas partes en conflito”
O BNG requiriulle á Xunta a súa contribución para unha saída negociada ao actual conflito laboral do almacén de distribución da empresa LIDL no polígono Río do Pozo de Narón, na localidade homónima.
Este conflito laboral, explicou o portavoz de Industria, Ramón Fernández Alfonzo, prodúcese por mor dos “reiterados incumprimentos do convenio en materia de xornada, incumprimentos da xornada máxima diaria, da realización máxima de horas extras, do traballo en festivos,” por parte da empresa alemá, feitos que foron levados á Inspección de Traballo, que ata en 13 ocasións resolveu recoñecendo as posturas do persoal traballador, sen que se albiscara, porén, ningún cambio na actitude desta empresa multinacional.
O deputado do BNG declarou que este conflito “vai gañando temperatura, en boa medida polos esforzos da empresa por substituír o traballo que realiza o persoal en folga, e abastecer os supermercados que se abastecen desde Narón, desde outros centros loxísticos do estado”, informou; unha situación que derivou dunha demanda por parte da CIG “por considerala unha vulneración do dereito fundamental de folga”.
Ademais, salientou os esforzos do persoal “para chegar a un acordo ao que poidan chegar as dúas partes en conflito”, xa que, nun intento de negociación antes do inicio da folga, “ofreceu a posibilidade de suspendela se había negociación”, destacou.
O portavoz de Industria emprazou á conselleira para a Promoción do Emprego, María Jesús Lorenzana, a posicionarse a este respecto, algo que a conselleira derivou ao eido xudicial, fronte o cal o deputado do BNG impeleuna "a non confundir o asunto a resolver no xuízo co conflicto que provocou a folga, no que vostede pode e debe intervir", concluíu.