O BNG denuncia que a Xunta discrimina Narón nos seus orzamentos

Presentación emendas Narón

O BNG presenta as súas emendas aos orzamentos da Xunta

Este xoves 30, o BNG presentou publicamente as súas emendas aos orzamentos da Xunta para o Concello de Narón. O grupo municipal no Concello e máis o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, fixeron a presentación.

A portavoz municipal dos nacionalistas, Olaia Ledo, manifestaba a súa indignación con uns orzamentos que destinan 0 euros para 8a poboación da Galiza, “é unha discriminación que non podemos tolerar”. Neste sentido explicaron as moitas necesidades dun Concello que non deixou de medrar e que ten a media de idade máis baixa de toda a comarca, o que determina o tipo de emendas que ven de presentar o BNG ao proxecto de orzamentos presentado pola Xunta.

A demanda de atención psicolóxica é maior entre a poboación moza, máis consciente da necesidade de cuidar tamén a súa saúde mental, igual que a necesidade dun novo CEIP para a parroquia de Xuvia, debido a cantidade de familias novas con fillos e fillas en idade escolar. Estas son dúas das emendas que o BNG presentou aos orzamentos e que comezarán a discutirse a partir do vindeiro xoves 7 de decembro na comisión de orzamentos do Parlamento, sen esquecer no ámbito educativo a necesaria reforma e reparación de practicamente todos os centros de ensino do Concello, que son noticia todas as semanas precisamente polas súas deficiencias, xanelas, cubertas, patios, ascensores, etc

A mobilidade é outros dos ámbitos importantes abandonados polo actual goberno do Partido Popular que o BNG demandará solucionar, a través da mellora do servizo de ferrocarril Ferrol-Ortigueira e a través da mellora dos diferentes servizos de transporte por estrada.

En último lugar destacan desde a formación nacionalista como moi expresivo do carácter e das políticas do PP o feito de non contar Narón con unha residencia de
maiores pública, un concello con 8.000 persoas maiores. Unha demanda xa recorrente do BNG que volverá de novo ao Parlamento Galego, agora como emenda ao actual proxecto de orzamentos, e no futuro como unha das patas que deben sustentar a nova política dos coidados que vai impulsar o BNG desde o goberno galego despois das próximas eleccións.