O BNG presenta unha pregunta no parlamento dirixida á conselleira do mar sobre a crítica situación do sector na ría de Ortigueira-Cariño

O BNG denuncia que a xunta abandona a produción marisqueira da ría de Ortigueira

reunión en Ortigueira de membros do BNG

Unha representación do BNG composta pola deputada Rosana Pérez, portavoz de pesca no Parlamento Galego, e o tamén deputado Mon Fernández, reuníronse con representantes do sector marisqueiro da ría de Ortigueira para saber de primeira man a súa situación.

Estiveron acompañados da responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, e os concelleiros de Ortigueira e Cariño, Marco Schaal, Carlos Castro e Pablo Fraguela.

Durante a reunión tiveron ocasión de constatar que a situación da produción marisqueira na ría de Ortigueira, e nomeadamente nas áreas de explotación da confraría de Cariño así como en algunhas zonas de libre marisqueo, é un completo desastre.

De feito as poucas persoas que aínda se dedican ao marisqueo nas zonas de Cariño, actualmente apenas 3 mulleres, levan varios anos a traballar na rexeneración da ría sen obter ingreso ningún, pagando o seguro e sen axudas da Xunta, titular do recurso e administración competente.

Segundo a portavoz de Pesca do BNG, “Neste escenario cabería agardar unha actitude máis dilixente por parte da Xunta, mais o que atopamos é ausencia de análises e de explicacións, por exemplo, sobre o grao de afectación á produción marisqueira de determinados dragados realizados na ría para obras portuarias, de actividades mineiras e do embarque do mineral, de vertidos de augas residuais por mal funcionamento da rede de saneamento ou mesmo das depuradoras, da formación dunha barra de area na entrada da ría...”

Todo isto da como resultado unha ría con clasificación de zona C e sen recursos marisqueiros en tallas comerciais, sen que a Xunta, reiteramos, faga absolutamente nada.

O deputado Mon Fernández presentará no Parlamento unha batería de iniciativas instando á Xunta a mudar de actitude e exercer as súas competencias, “a comezar por dar explicacións no Parlamento do abandono da produción marisqueira na ría de Ortigueira”.