O BNG denuncia que o transporte até os centros de ensino en etapas non obrigatorias é unha barreira para as zonas rurais da comarca de Ferrol
As persoas dos Concellos de Moeche, San Sadurniño e de algunha parroquia do Concello de Narón limítrofe con San Sadurniño (Doso e Pedroso) que queren cursar estudos non obrigatorios atopan unha barreira case infranqueábel, o transporte até os centros de ensino escollidos, na maioría das ocasións o IES Fernando Esquío do Concello de Neda por ser o seu centro de referencia para determinadas especialidades de bacharelato, mais tamén poden selo diferentes centros de bacharelato ou de FP dos Concellos de Ferrol e Narón.
O xa deficitario e problemático sistema de transporte público por estrada xestionado pola Xunta de Galiza tórnase case inexistente en determinadas zonas do rural da comarca de Ferrol, tendo un impacto moi negativo e moi sensíbel especialmente para as persoas que queren realizar algún curso en etapas non obrigatorias.
Esta problemática ten sido trasladada a Xunta por parte de representantes municipais destes 3 Concellos en varias reunións nas que basicamente a Xunta de Galiza bota balóns fora e recomenda aos concellos afectados asumir o custe de activar algún servizo de transporte especial para estas persoas.
Un exemplo práctico de como o goberno galego do Partido Popular descarga as súas propias competencias en calquera que se atreva a solicitar a prestación ou mellora dun servizo público, por máis que este sea da súa exclusiva competencia. Neste caso estamos a falar do transporte por estrada, competencia da Xunta, nun ámbito, o do ensino, tamén competencia da Xunta.
A negativa da Xunta a variar as liñas regulares de Burela-Ferrol e Vilalba-Ferrol, a mellorar o transporte escolar existente para alumnado da ESO dun xeito que poida recoller tamén a este outro alumnado das etapas non obrigatorias, ou a xa histórica negativa da Xunta a reclamar e activar o transporte ferroviario de proximidade, que si daría solución a estes territorios, deriva en que a poucos días de comezar o cursos nos diferentes centros a problemática segue sen se amañar.
Unha problemática que pode estar afectando a unha gran cantidade de persoas tendo en conta que no CPI de San Sadurniño, que é o centro de referencia para este territorio mencionado, se gradúan unhas 30 persoas todos os anos que se atopan co problema do transporte para continuar os seus estudos polo simples feito de vivir no rural, unha auténtica discriminación marca Partido Popular.
O BNG demandará a través do seu deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, que a Xunta de Galiza se responsabilice das súas competencias e tome as medidas necesarias para que os veciños e veciñas destas localidades que queiran cursar estudos de etapas non obrigatorias podan desprazarse aos centros de ensino da súa elección.