O BNG denuncia a inacción do Goberno do PP ante o abandono e progresivo deterioro do Parque Natural das Fragas do Eume
Acusa á Consellería de Medio Ambiente de desprezar ás persoas que viven no parque, ás que se lles limita os usos pero sen compensación suficiente
Eume, 7 de outubro, 2025. O deputado do BNG Xosé Manuel denuncia a inacción do Goberno do Xunta ante a situación de “abandono e progresivo deterioro” do Parque Natural das Fragas do Eume, cun Plan Reitor de Usos e Xestión que se converteu en “papel mollado” pola falta de recursos previstos.
O deputado nacionalista vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para pedir contas aos responsábeis da Xunta sobre a situación das Fragas, declaradas Parque Natural no ano 1997 e cun PRUX aprobado en marzo de 2023 tras unha “tortuosa” tramitación que comezou xa no 2014.
“Durante todo este tempo de inacción por parte da Xunta, os principais ecosistemas do parque natural víronse moi afectados, fundamentalmente debido á fragmentación do hábitat producida pola intensa actividade forestal vencellada ás plantacións de eucalipto de interese comercial e ás actividades de explotación que se veñen levando a cabo desde os anos cincuenta do século pasado”, advirte o deputado da comarca.
Xunto á “falta de interese” do Executivo do PP por garantir un axeitado proceso de información pública, Golpe critica que o programa económico-financeiro do Plan de Usos teña só asignados pouco máis de tres millóns de euros entre 2023 e 2032, o que significa unha media de 200.000 euros anuais. Esta cifra, afonda, é semellante á que actualmente a Xunta destina á xestión do parque natural.
Hai, polo tanto, un continuísmo no “compromiso e previsión de gasto”, e tamén no que ten que ver co persoal, que “deixa en evidencia as declaracións de intencións que o proxecto contén, converténdoas en papel mollado”.
90 % da superficie en mas privadas
Golpe fai especial mención da cantidade prevista pola Xunta para xestión dos terreos, 1,1 millón de euros que, considera, son “claramente insuficientes” máis tendo en conta que unha das principais singularidades deste parque natural é que está habitado e que o 90 % da superficie está en mans privadas. “O criterio que utiliza a Xunta para a compra e os prezos que está a pagar polas fincas manifesta un total desprezo ás persoas que habitan o parque”, recalca.
Explica, neste punto, que a Consellería de Medio Ambiente “non conta cun plan serio de xestión do territorio do parque”, limitándose unicamente a mercar aquelas fincas onde a propiedade accede ou por interese económico. Respecto do prezo, critica que no se teña en conta realmente o valor das fincas e que se pague en función da pendente do terreo ou, apunta, da explotación actual do mesmo.
“Non teñen en conta nin o traballo previo, de varios séculos, que permitiu a conservación do territorio para que hoxe sexa unha reserva natural nin tampouco teñen en conta que hai persoas que non queren vender, que queren alugar, ou simplemente queren seguir traballando as fincas”, engade.
Alternativas para quen non quere vender
Ademais, o BNG reclama ao departamento que dirixe Ángeles Vázquez que, para aqueles que non queren vender, contemple alternativas. “Existen limitacións sobre dos usos, e sobre as especies forestais e vexetais que se poden empregar, pero non se contempla unha compensación por estas limitacións”, salienta Golpe.
É por iso que Xosé Manuel Golpe preguntaralle ao Goberno de Rueda no Parlamento se, en exercicio da súas competencias, ten previsto adquirir parcelas do parque natural, cantas leva mercado até o de agora ou, entre outras cuestións, “como pode a Xunta promover un cambio real nos usos e aproveitamentos do parque sen aumentar a dotación económica nin o persoal”.
O deputado da comarca pedirá así mesmo explicacións á Xunta pola redución da zona de máxima protección no PRUX aprobado, con respecto ao anterior proxecto.
Respecto á tramitación do plan, Golpe quere saber por que a Xunta nunca contestou as alegacións presentadas pola polas partes afectadas ou interesadas na súa tramitación. “O proceso participativo resulta inadmisíbel, máis aínda tendo en conta que logo se fan 25 anos do inicio do proceso de tramitación”, conclúe.