BNG denuncia o estado “indigno e perigoso” do IES As Telleiras de Narón e arranca á Xunta o compromiso de arranxo integral
BNG alerta de filtracións, barreiras arquitectónicas, instalacións eléctricas sen revisión e unha pista deportiva inutilizable
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026. O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Golpe, denunciou no Parlamento a “realidade indigna e perigosa” que está a vivir o IES As Telleiras, de Narón, un centro con máis de 600 alumnos e 50 docentes que, na súa opinión, “estaría na pole position” dun hipotético ranking de edificios educativos en peor estado.
Golpe denunciou que o instituto, dividido en varios bloques, acumula unha longa lista de deficiencias estruturais e de seguridade: falta de accesibilidade no edificio de bacharelato (sen ascensor, en contra da lei de accesibilidade de 2014), filtracións de auga con “caldeiros en fila” nos corredores, paredes empapadas que poñen en risco a instalación eléctrica, e un grupo electróxeno desactivado por recomendación dos técnicos ante o perigo de “catástrofe”. Tamén sinalou a cuberta da pista polideportiva, chea de buratos, que impide o seu uso en días de chuvia.
“Estamos no 2026, cunha lei de accesibilidade, un marco normativo europeo e unha lei de educación que fala de inclusión, e temos un edificio onde un alumno en cadeira de rodas non pode subir a clase sen axuda de terceiros”, lamentou o deputado nacionalista, que preguntou ao conselleiro: “Cantos caldeiros de auga estamos de arranxar este centro?”
Golpe exixiu unha actuación urxente e integral que inclúa a renovación de fachadas e cubertas, a substitución completa da instalación eléctrica para cumprir o regulamento de baixa tensión, a recuperación dos grupos electróxenos e a instalación dun ascensor. “Non estamos a pedir nada extraordinario: pedimos un centro de ensino accesible e digno”, concluíu.
Finalmente, o BNG conseguiu arrancar á Xunta o compromiso de abordar as obras necesarias para poñer fin a esta situación, que o deputado cualificou como “síntoma dun modelo que agarda a que as cousas cheguen ao límite para reaccionar”.