A produción de marisco caeu ata o 1,5% en once anos, mentres o sistema unitario deseñado polo PP continúa a verter refugallos ao mar sen tratar

BNG denuncia o colapso do saneamento na ría de Ferrol

Mon Fernández
Mon Fernández presenta unha proposición non de lei para crear unha mesa de diálogo cos concellos e confrarías, á que o Partido Popular votou en contra

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2026. O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, denunciou a gravísima situación que vive a ría de Ferrol por mor do “fracaso” do sistema de saneamento da marxe dereita, un proxecto “con selo e marca do PP” que leva anos amosando a súa ineficacia e o seu impacto ambiental e económico.

Fernández sinalou que, a pesar do investimento de millóns de euros, a ría ten hoxe “máis zonas C que antes de funcionar o saneamento”, e salientou a caída libre da produción marisqueira: desde os 300.000 quilos de meixa babosa en 2014 até apenas 4.300 quilos en 2025, o que supón só o 1,5% do que se recolleía once anos atrás. No caso do verberecho, a redución é aínda máis drástica, cun 0,14% da cifra inicial.

O deputado do BNG mostrou fotografías e denuncias recentes de armadores que recolleñan nas súas redes “panos, compresas, tampóns, preservativos, fibras sintéticas e cabelos humanos” ante a descarga do emisario de Cabo Priorinho, proba, di, de “un fallo grave e continuado” no tratamento das augas residuais. Segundo Fernández, o deseño unitario do sistema —que non separa as augas negras das pluviais— provoca que, ante choivas intensas, as estacións depuradoras superen a súa capacidade e vertan directamente ao mar sen ningún tratamento.

Perante esta situación, o BNG presentou unha proposición non de lei para que a Xunta realice unha auditoría ambiental, energética e económica do sistema, presente os resultados ao Parlamento, aos concellos de Ferrol e Narón e ás confrarías, e constitua unha mesa de diálogo para impulsar as reformas necesarias. Con todo, o PP votou en contra desta iniciativa.

“O PP di que isto é normal. Queren manter á escuras a comarca e seguir defendendo un sistema que está a acabar coa ría”, denunciou Fernández, quen insistiu en que a solución pasa por “escoitar ás persoas afectadas e transformar o saneamento cara a un modelo separativo, eficiente e transparente.