O BNG demandará no Parlamento Galego solucións para os problemas do Centro de Saúde de Narón

Mon Fernández e Olaia Ledo

Representantes do BNG de Narón visitaron o centro de saúde

O centro de saúde de Narón foi inaugurado polo presidente Feijoo a bombo e prato o 16 de xullo do ano 2021, pero xa antes fora obxecto de de críticas, como por exemplo a carencia de radioloxía, que foi subsanada.

Outras, pola contra, non foron atendidas, caso da instalación dun único ascensor, que ademais, segundo informa persoal técnico encargado de realizar as sucesivas reparacións non é o apropiado para un centro de saúde das dimensións e volume de persoal como é o de Narón.

Non é o único problema do centro, que está construído enriba de varias fontes e moi perto do río, e algún erro no deseño ou na construción provocan que cando aumenta o caudal do rio os baños se atasquen, obrigando a pechalos, e provocando malos olores.

Representantes do BNG de Narón visitaron o centro para coñecer de 1ª man esta problemática e comprometéronse a promover a súa solución de xeito inmediato.

Con este obxectivo veñen de presentar unha moción no Concello instándoo a demandar da Xunta unha solución urxente, e ao mesmo tempo o deputado no Parlamento, Mon Fernández, tamén presentou as correspondentes iniciativas na cámara galega.