O BNG demanda a urxente cobertura da praza de médico en Monfero

Centro de Saúde de Monfero
Ramón Fernández cualifica de "crítica" a atención sanitaria no concello

O Grupo Parlamentar do BNG, a iniciativa do deputado “Mon” Fernández, vén de rexistrar iniciativas no Parlamento Galego para demandar da Xunta a cobertura urxente da praza de médico no concello de Monfero. O deputado do BNG lembra que “a atención sanitaria no concello de Monfero está a pasar por unha situación crítica, como evidencia o feito de que hai máis dun mes dispón dun único médico a tempo completo para atender os perto de 2000 habitantes do concello”, engadindo ademáis que “a baixa por xubilación dun dos dous titulares cos que contaba até hai ben pouco non foi cuberta máis que parcialmente, toda vez que esa suplencia so atende á veciñanza dúas horas durante dous días da semana; e hai máis que fundadas sospeitas de que ao finalizar o seu contrato a praza non se cubrirá

“Mon Fernández” asegura que esta situación “agrávase polas características do concello, xa que estamos a falar dun territorio de 171 kilómetros cadrados, cunha densidade 11,3 habitantes por kilómetro cadrado; polo que na hipótese de ter que prestar atención ás persoas doentes ao seu domicilio (cómpre suliñar que esta casuística é reiterada por mor dunha poboación moi envellecida) pódese tardar entre unha hora e media para voltar á atención no propio centro de saúde”

Lembra tamén o deputado do BNG que “chove sobre mollado; xa que esta situación non é novidosa, por canto a veciñanza leva tres anos con diversas incidencias que afectan á atención sanitaria: médicas itinerantes, traslado da pediatra (paliada cunha atención de dous días á semana), etc…..”

Remata o nacionalista indicando que esta situación “alén da desatención que supón para a veciñanza no ámbito sanitario, incide moi negativamente na perspectiva de asentamento de poboación no rural; polo que a veciñanza está a prantexar desde hai tempo reivindicación para que se cubran as prazas co obxecto de atender debidamente as necesidades da poboación”