O BNG demanda unha solución ao conflito de "Leche Celta"
O BNG pide rematar coa vulneración dos deretios laborais e defender o poder adquisitivo do persoal
O BNG vén de presentar no Parlamento Galego iniciativas ao respecto do conflito que se está a vivir na factoría que “Leche Celta S.L.U.” ten no lugar de Andrade, no Concello de Pontedeume. Hai que lembrar que esta factoría conta desde novembro do ano 2017 con un convenio propio, o 1º de este tipo, que se aplica a un colectivo de 170 persoas.
Un logro da parte social que, segundo o deputado do BNG “Mon” Fernández, autor da iniciativa, “conseguía desmarcarse por fin, e superar, o convenio de ámbito estatal para as industrias lácteas e o seus derivados, totalmente condicionado e limitado polas dinámicas propias da negociación colectiva de ámbito estatal”
A vixencia pactada no convenio remataba o 31 de decembro do 2020 e a primeira reunión da negociación do 2º convenio tivo lugar o 16 de febreiro do ano 2021. Mais, segundo o deputado nacionalista “as pretensións patronais de modificar o sistema retributivo e a súa negativa a aceptar as reivindicacións sociais, entre elas o mantemento do poder adquisitivo, provocan un bloqueo das negociacións que a parte social contestou con unha convocatoria de folga que despois de varias semanas de paros parciais a partir deste 31 de xaneiro pasou a ser indefinida”
No transcurso de esta convocatoria folga o comité vén de denunciar perante a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social que a empresa está a derivar o leite que debería abastecer a factoría en folga ás outras factorías que a empresa ten no estado español para o seu envasado. Unha situación que, segundo “Mon” Fernández, “evidencia que a empresa está a substituír ao persoal en folga vulnerando o seu dereito fundamental”
O grupo LECHE CELTA ten 3 factorías no Estado, a de Andrade, no Concello de Pontedeume, única afectada pola negociación do convenio e pola folga, e outras dúas en Ávila e Santander cara onde está a desviar o leite que habitualmente debería ser envasado na factoría galega.
Lembra o deputado do BNG que “hai que salientar o feito de ser unha empresa perceptora habitual de subvencións por parte tanto do goberno estatal como da Xunta de Galiza, tal como se comproba pola cartelaría dos organismos outorgantes dos fondos públicos: Consellaría de medio rural, IDAE ou INEGA; polo que é evidente que a Xunta ten a obriga de intervir”
Nese sentido, as propostas de resolución que se demandan da Xunta na iniciativa do BNG serían:
1.- Reunirse cos representantes do persoal.
2.- Impulsar de inmediato cantas accións resulten necesarias para lograr que a empresa LECHE CELTA cese na vulneración dos dereitos fundamentais do persoal en folga
3.- Medie entre as partes en conflito procurando un acordo que garanta o mantemento do poder adquisitivo do persoal da factoría.”