O BNG demanda investimentos e prazos para a ampliación do CPI de Ares

O deputado Mon Fernández con integrantes do BNG de Ares

O deputado Mon Fernández entrevistouse con representantes da dirección do centro

O deputado do BNG “Mon” Fernández –acompañado de representantes do BNG de Ares -mantivo hoxe unha reunión coa equipa directiva do CPI “As Mirandas”, de Ares, na que abordaron as carencias do centro e, nomeadamente, as iniciativas para conseguir a execución das obras que a comunidade escolar leva reclamando desde hai máis dunha dúcia de anos.

No decurso da reunión quedou de manifesto que desde o 2008-no que a dirección do CPI reclamaba as obras de ampliación do centro- asistimos a un proceso no que as autoridades da Consellaría de Educación foron “parcheando” as deficiencias (lembramos unhas instalacións “provisionais” de barracóns para infantil, que levan aí máis de dez anos…) e, posteriormente, coa excusa de que o concello non poñía a disposición os terreos para executar as obras.

Certo é que nese longo espazo temporal o concello tampouco fixo os deberes. O longo proceso de tramitación do PXOM- que, teóricamente, debería amparar as devanditas obras- e a falta de consignación orzamentaria do concello para asumir o cambio do vial para dispór dos terreos foron, conxuntamente coa falta dunha acción reivindicativa firme do goberno municipal perante a Xunta, elementos que contribuiron á situación actual.

O deputado do BNG lembrou  que, fronte a esa situación “desde o BNG estivemos a reclamar reiteradamente nos orzamentos galegos unha partida específica para executar as obras, porque non acreditamos nos compromisos que non teñen dotación económica” lembrando ao mesmo tempo que “todo apunta a que a Consellaría aposta por solucións de parcheo, que non resolven o problema estrutural do CPI, que é o que reclama a comunidade escolar e tamén desde o BNG”

Precisamente e, tomando como referencia esta reclamación unánime, “Mon” Fernández vai trasladar ao Parlamento Galego diversas iniciativas nas que se procura un compromiso da Xunta –con investimentos e prazos concretos- para a realización das obras de ampliación do CPI.

Complementando estas iniciativas, o BNG vai prantexar outra referida á petición de reapertura da escola unitaria de Cervás. Unha medida que, segundo o deputado do BNG “contribuiría non só a aliviar a masificación do CPI, senón tamén á procura de medidas que acheguen –como está a manifestarse nesta situación de pandemia- un ensino máis seguro, de proximidade e contacto co medio” para Cervás e Chanteiro “que neste momento teñen poboación infantil abondosa que xustifica a reapertura da escola”